Sada acolle un Campamento Dixital de Nadal para nenas e nenos de 7 a 12 anos
mércores, 17 de decembro do 2025
O Concello de Sada impulsa un Campamento Dixital nestas festas de Nadal pensado para que os máis pequenos aprendan como crear tecnoloxías ao tempo que se divirten e as súas respectivas familias gañan en conciliación. Irá destinado a nenas e nenos de 7 a 12 anos. Terá modalidade presencial e será cen por cen gratuíto.
O Concello explicou que neste campamento a rapazada mergullarase no mundo dixital a través de obradoiros prácticos e dinámicos pensados para desenvolver as súas competencias tecnolóxicas dun xeito seguro e saudable.
O obxectivo é “promover o uso responsable, a seguridade dixital e o benestar tecnolóxico”.
Contidos
-Competencias dixitais básicas, seguridade, benestar e uso responsable das novas ferramentas.
-Competencias dixitais básicas
-Ciberdefensa: aprende a crear o teu escudo na Rede
-Level Up: domina o xogo, domina a túa vida dixital
-Tecnoloxía segura: goza os teus dispositivos sen que che desconecten do mundo real.
O campamento levarase a cabo na Aula CeMIT de Sada (praza da Peixaría, 5), os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro de 2025, e tamén os días 2, 5 e 7 de xaneiro de 2026. Desenvolverase en horario de 9.30 a 13.30 h. As prazas son limitadas (por orde de inscrición).
As persoas interesadas pódense inscribir a través da Rede.
Máis información nos teléfonos ou WhatsApp 606 059 747 /620 765 150 ou en Aedlsada.gal.
