Samba de Amigo chegará a Switch o 29 de agosto

martes, 8 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Tras saber das súas entregas para Meta Quest e Apple Arcade, temos agora tamén a confirmación de que Samba de Amigo Party Central chegará a Nintendo Switch o vindeiro 29 de agosto, tanto en formato dixital como físico, existindo tamén unha versión dixital deluxe que inclúe un paquete de contido descargable coa música de Sonic the Hedgehog (Open your heart, Reach for the Stars Re-Colors e I’m Here), atavíos de Sonic e Tails, Space Channel 5, Super Monkey Ball e Puyo Puyo e máis música dos xogos de SEGA Space Channel 5, RGG Studio e Rhythm Thieft.
O xogo normal en dixital ten un prezo de 39,99 euros, mentres que a edición deluxe custa 49,99 euros, existindo tamén a posibilidade de adquirir por separado os contidos da edición deluxe por 11,99 euros. Pero estes non serán os únicos contidos descargables para o xogo, senón que xa confirman a dispoñibilidade o 29 de agosto dun paquete de música de Sonic the Hedgehog e outro de música xaponesa (a 4,99 euros cada un), un paquete de música de SEGA e outro de música k-pop o 27 de setembro (tamén a 4,99 euros).
Parece así confirmarse que Amigo volve con forza e con posibilidades para ampliar o seu repertorio básico de 40 cancións entre as que temos títulos como I Love It (Icona Pop), Tik Tok (Kesha), Plastic Hearts (Miley Cyrus), Azukita (Steve Aoki, Daddy Yankee, Play-N-Skillz e Elvis Crespo)... e mesmo versións da Macarena e de La Bamba.

PUBLICIDADE