Santiago e Coruña avanzan no seu proxecto smart compartido con Zaragoza e Madrid

luns, 19 de decembro do 2016 Redacción

Os concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Madrid e Zaragoza asinaron hoxe o acordo para o desenvolvemento do seu proxecto conxunto de transparencia smart. Trátase, máis en detalle, do proxecto Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperábel. Esta proposta, como lembraremos, foi unha das gañadoras da recente convocatoria de Cidades Intelixentes de Red.es, obtendo a terceira mellor puntuación entre as iniciativas presentadas (111). O investimento total do proxecto ascende a 2.090.461 euros, financiados por Red.es e os concellos, nun 60% e un 40%, respectivamente. O obxectivo do convenio formalizado é avanzar na participación cidadá, nos datos abertos e na transparencia.
O proxecto, lembraron hoxe os concellos devanditos, susténtase en tres eixos de acción. En primeiro lugar, os datos abertos e a consecuente creación de infraestrutura tecnolóxica e o establecemento dun conxunto de datos común, xeración de documentación e exemplos de uso. En segundo lugar, na área de participación potenciaranse as propostas cidadás, onde se inclúe o deseño de procesos de participación, xeración e implantación de software de xestión de propostas, software’’ de votación sistema de xestión de votacións, difusión e capacitación e avaliación de proceso. O último bloque oriéntase á transparencia, para o que se crearán portais de transparencia enlazados con datos abertos, procesos participativos para a definición de indicadores, portal de transparencia baseado en datos abertos e cadros de mando.
Segundo fixeron saber, ao abeiro do proxecto levaranse a cabo “servizos que favorezan a participación da cidadanía na toma de decisións de cada concello, a través dunha plataforma de goberno aberto que poida ser desenvolvida de forma conxunta”. Entre os obxectivos concretos a conseguir, figuran os seguintes: melloras e aforros na xestión dos servizos públicos, fomentar a interoperabilidade con distintas administracións e axentes ou promover o acceso transparente e universal dos datos públicos dos servizos (“tanto para a súa consulta como para a súa reutilización”) por parte de cidadáns, visitantes, profesionais e empresas, “propiciando con estas actuacións o crecemento da industria e o emprendemento”.
Amais, impulsarase a creación de espazos tecnolóxicos con contornas TIC interoperábeis, “que permitan o desenvolvemento de proxectos cooperativos e innovadores que faciliten a experimentación, o desenvolvemento de aplicacións, o intercambio de boas prácticas e o uso compartido de ferramentas tecnolóxicas”. Entroncando con isto, os catro concellos fixeron saber que o proxecto parte dun “alicerce de reutilización”, de compartir e replicar todos os recursos xa dispoñíbeis nunhas e noutras cidades e de empregar a fondo tecnoloxía de software libre (toda a documentación está subida a GitHub e todos os recursos que se desenvolvan serán open source, con licenzas AGPLv3 ou Apache v2). O proceso terá unha duración de tres anos, nos que as cidades colaborarán no desenvolvemento das actividades descritas, “permitindo que as experiencias que cada un dos participantes xa puxo en marcha, poidan servir como punto de partida para o resto de urbes interesadas”.

PUBLICIDADE