Santiago fai un chamamento polas segundas vidas dos aparellos electrónicos

martes, 4 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Compostela quere avanzar (aínda máis) no camiño achandado pola iniciativa Tropa Verde, un programa do Concello e da empresa Teimas habilitado para incentivar a responsabilidade e a participación da cidadanía na xestión e tratamento dos refugallos electrónicos e electrónicos (basicamente trátase de premiarnos cantos máis aparellos desbotados entreguemos e canto mellor fagamos esa entrega, nos puntos limpos, fixos e móbiles, habilitados). Para avanzar neste espírito colectivo de responsabilidade medioambiental TIC, o Concello puxo en marcha (ao abeiro de Tropa Verde) unha campaña para a recollida e reutilización de trebellos informáticos e electrodomésticos de calquera tipo. O concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Innovación, Xan Duro, presentou hoxe o proxecto, que leva por lema Longa vida aos teus aparellos electrónicos!
O edil explicou que o obxectivo “é mellorar os índices de reutilización e reciclaxe deste tipo de residuos, para así prever problemas de contaminación da auga e do chan e emisións de sustancias tóxicas”. Na presentación da campaña, Xan Duro estivo acompañado polos representantes das empresas que colaboran na iniciativa: Marta Morán, de Teimas Desenvolvemento S.L. Alejo Calatayud, responsábel de Comunicación de Revertia, e Gonzalo Torralbo, director de Relacións Institucionais de Recyclia.
Segundo fixeron saber, a cidadanía que desexe participar pode rexistrarse na plataforma web tropaverde.org para ir xuntando estrelas pola entrega de residuos eléctricos e electrónicos nos 14 puntos de recollida habilitados en centros socioculturais e polideportivos. As estrelas poderanse trocar despois por premios e descontos nos establecementos de Santiago que patrocinan o programa (premios entre os que se inclúe o sorteo, precisamente, de dous portátiles e dous teléfonos móbiles).
A campaña vaise desenvolver até o remate de ano. Inclúese, ao seu abeiro, a recollida de equipos de informática e comunicacións como PC, portátiles, ou teléfonos móbiles; e pequenos electrodomésticos, como batedores, secadores de cabelo, torradoras, cepillos de dentes eléctricos, tabletas, consolas ou xoguetes a pilas. Tamén se poderán entregar pilas e baterías
Puntos de entrega
Dende Teimas Desenvolvemento, Marta Morán explicou que haberá 14 puntos de entrega en centros e locais socioculturais e en polideportivos. Haberá recollida nos centros de Fontiñas, Ensanche, Conxo, A Trisca, Vite, Villestro e A Casa Agraria de Meixonfrío. Tamén se poderán deixar os aparellos eléctricos e electrónicos na Casa das Asociacións de Benestar Social da Salgueiriños e na Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo. En canto aos espazos deportivos, serán punto de recollida o estadio de San Lázaro e os pavillóns do Restollal, Santa Isabel e Fontiñas. A campaña completarase cun obradoiro de reutilización de equipos informáticos, que se desenvolverá nun centro sociocultural da cidade pendente de decidir. Nesta actividade darase resposta a cousas como as metodoloxías axeitadas para o borrado de datos dos discos duros, as formas máis sustentables de xestionar os residuos informáticos ou os trucos para aumentar a vida útil dos equipos.

PUBLICIDADE