Santiago lánzase á busca de solucións innovadoras para converterse en Cidade Intelixente
xoves, 21 de novembro do 2019
O
Concello de Santiago iniciou hoxe, oficialmente e cun acto ateigado
de personalidades e representantes empresariais, a súa procura de
solucións innovadoras para converterse definitivamente na Cidade
Intelixente que quere ser: unha urbe onde a tecnoloxía axude na
xestión, nas comunicacións, no tráfico, no respecto ao medio
ambiente e na sustentabilidade, ao tempo que garante a identidade
histórica da capital galega. O acto (a presentación do lanzamento
da consulta preliminar ao mercado do proxecto Smartiago) celebrouse
no Hostal dos Reis Católicos. Na
sesión, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que o Concello xa
captou 6.180.000 millóns de euros para situarse na “vangarda da
compra pública innovadora”.
Tamén
recordou que a consulta preliminar presentada hoxe ten o obxectivo de
“recompilar a información necesaria en canto a solucións
innovadoras para preparar os futuros pregos de licitación nos tres
ámbitos que comprende o proxecto: mobilidade, xestión de residuos e
limpeza viaria e alumeado ornamental”.
Na
cita, o rexedor tamén expresou a “necesidade” da tecnoloxía e
da innovación para “preservar o noso patrimonio histórico”.
Esta, dixo, é unha das principais razóns de ser do proxecto
Smartiago, que busca sacar o máximo proveito das oportunidades que
ofrecen as novas ferramentas.
Acompañaron
ao alcalde o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco
Conde, e malia secretaria de Estado de Universidades, Investigación,
Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras.
Logo
da intervención do concelleiro de Presidencia e Relacións
Institucionais, Gumersindo Guinarte, houbo unha explicación dos
aspectos técnicos do proxecto Smartiago a cargo de Jesús Rodríguez
Castro, xefe do Servizo de Informática do Concello. A continuación,
Manuel Varela, director de Sector Público en Science &
Innovation Link Office (SILO) falou sobre como participar nas
consultas e aspectos administrativos.
Canta
máis información e propostas, mellor
O
obxectivo da consulta é xuntar a información necesaria para
preparar as futuras contratacións públicas de innovación do
proxecto Smartiago e informar aos operadores económicos sobre os
seus plans e requisitos de contratación. A convocatoria é aberta e
dirixida a persoas físicas ou xurídicas, públicas o privadas.
Poderán presentar as súas propostas ata o 16 de decembro.
As
propostas deberán ofrecer solucións innovadoras destinadas a dar
resposta aos retos do Smartiago nos eidos da mobilidade, da xestión
dos refugallos sólidos urbanos e limpeza viaria e do alumeado
ornamental. A partir do resultado destas consultas, sinalouse hoxe,
“o Concello contará co coñecemento suficiente sobre as
posibilidades tecnolóxicas existentes no mercado cara futuros
trámites de Compra Pública de Innovación ou outros procedementos