Silbö Telecom quedará sen servizo de fibra o 4 de maio

luns, 30 de marzo do 2026 Redacción

Cada vez sorprende menos que un operador de telecomunicacións con prezos agresivos caia en desgraza, e nesta ocasión temos a Silbö Telecom, a quen a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) estaría a pór na picota ao autorizar aos seus provedores maioristas o cesamento da prestación de servizos por impagamentos, o que na práctica supón o apagamento da súa rede de fibra nun prazo xa determinado.
A compañía nacera como un operador móbil virtual cunha proposta agresiva baseada en tarifas de baixo custo e un posicionamento aspiracional, que mesmo a levou a patrocinar a Selección Española de Fútbol. Nos seus primeiros meses, Silbö chegou a destacar polas súas cifras de portabilidades e por unha rápida expansión do catálogo, que incluía servizos de móbil, telefonía fixa, fibra óptica con cobertura de Movistar a través de acordos con Aire Networks, televisión mediante Tivify e opcións como eSIM ou Multisim. Tamén proxectaba unha ambiciosa rede de máis de 200 tendas físicas e aspiraba a superar os 1,2 millóns de servizos activos en catro anos.
Porén, ese crecemento inicial non tivo continuidade. As tarifas extremadamente baixas —como unha oferta de chamadas e datos ilimitados por 79 euros ao ano— e os plans de expansión diluíronse en poucos meses. A situación complicouse coa aparición de problemas de impagamentos a provedores e un aumento das queixas de clientes, relacionadas con cobros indebidos, deficiencias na atención e incidencias no servizo.
No caso de Suma Operador de Telecomunicacións, o organismo regulador autoriza explicitamente o cesamento dos servizos maioristas de fibra (FTTH) o 4 de maio de 2026, ao tempo que recoñece o dereito da empresa a reclamar as cantidades debidas. Nunha segunda resolución, relativa a Aire Networks, establécese un prazo de un mes e quince días desde a notificación para interromper o servizo, tamén por impagamento.
As consecuencias para os clientes son inmediatas. A fibra de Silbö deixará de estar dispoñible na data indicada, e a oferta xa desapareceu da súa páxina web. No caso das liñas móbiles, aínda non hai unha data oficial de corte, pero todo apunta a que podería producirse nun horizonte próximo se a situación non se resolve.
A normativa obriga ao operador a comunicar o cesamento do servizo cun mes de antelación, mais a incerteza leva a recomendar aos usuarios que tramiten canto antes unha portabilidade a outro operador. Deste xeito, poderán evitar interrupcións no servizo e posibles complicacións derivadas dun corte abrupto das comunicacións.