Siri podería transformarse nun chatbot no outono

mércores, 21 de xaneiro do 2026 Redacción

Apple prepara unha das transformacións máis ambiciosas da historia de Siri, segundo comenta Mark Gurman en Bloomberg. A compañía de Cupertino estaría a planear converter o seu asistente dixital nun chatbot de intelixencia artificial plenamente integrado nos seus sistemas operativos, un movemento co que busca posicionarse de maneira máis directa fronte á competencia liderada por OpenAI e Google.
A nova versión de Siri, coñecida internamente co nome en clave Campos, substituirá a interface actual e estará profundamente integrada en iPhone, iPad e Mac. O acceso ao servizo manterase mediante os métodos habituais, como o comando de voz ou o botón lateral nos dispositivos móbiles, pero a experiencia pasará a ser claramente conversacional, ao estilo dos chatbots populares nos últimos anos.
A principal novidade reside na integración transversal de Siri coas aplicacións clave do ecosistema de Apple. O asistente poderá interactuar de forma directa con aplicacións como Correo, Música, Podcasts, TV, Fotos ou Xcode, o que permitirá realizar accións complexas só mediante a voz. Entre os exemplos manexados atópanse a busca e edición de fotografías a partir dunha descrición textual ou a redacción automática de correos electrónicos baseados na información do calendario persoal.
Esta nova Siri será presentada como a gran novidade de iOS 27 e macOS 27 na vindeira edición da WWDC, coa previsión de que chegue ao público no outono, coincidindo co lanzamento anual das actualizacións de software de Apple. A diferenza das versións anteriores, o novo asistente permitirá manter continuidade entre sesións e combinará interacción por texto e por voz dun xeito máis natural.