SmartPeme+ (Deputación de Pontevedra) comeza o Nadal con cinco obradoiros TIC

luns, 22 de decembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta primeira semana do Nadal cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 22 ao venres 26 de decembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a ciberseguridade, o deseño web, os motores de reservas para empresas turísticas e creación dun CRM, entre outros.
A axenda comeza este luns 22 de decembro a partir das 12.00 horas co obradoiro telemático Ciberseguridade VI - contas online: mantenas a salvo, organizado pola oficina de Barro. Nesta sesión Manuel Tornos, asesor na propia oficina con máis de 30 anos en novas tecnoloxías, resolverá cuestións relacionadas coa protección tecnolóxica para as pemes e revisará algunhas das aplicacións máis empregadas para aprender que boas prácticas deben seguirse para manter a información segura na Rede. As inscricións para a mesma pódense realizar neste a a través da Rede.
Este mesmo día pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase o obradoiro Motores de reservas para empresas turísticas a través da oficina de Vigo. Da man de Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, as persoas participantes aprenderán a atraer máis turistas a través de novos servizos tecnolóxicos, que poderán reservar antes o seu aloxamento, actividades ou servizos turísticos, con total fiabilidade. As inscricións pódense formalizarse en liña.
O martes 23 de decembro ás 12.00 horas desenvolverase o obradoiro en liña Ciberseguridade VII - correo electrónico e menxasería: protexe as túas comunicacións, coordinado tamén pola oficina de Barro. Esta última sesión do itinerario de ciberseguridade estará dedicada ao uso correcto do correo electrónico e as aplicacións de mensaxería máis habituais. Contará novamente con Manuel Tornos como profesor e as persoas participantes aprenderán boas prácticas para evitar ataques como phishing, suplantación de identidade ou fugas de información, garantindo a seguridade persoal e a protección dos datos e recursos da súa empresa. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado en liña.
Tamén o martes 23 ás 17.00 horas a oficina de Ponteareas organizará o obradoiro telemático Como crear un CRM en Notion. Nesta sesión afondarase na creación dun CRM completo usando a versión gratuíta de Notion, deseñada para autónomos que precisan organizar clientes, seguimentos, tarefas e orzamentos de forma sinxela e rápida. Guillermo Nass, licenciado en Publicidade e con experiencia en deseño web e mercadotecnia dixital, ensinará como configurar un sistema funcional con bases de datos conectadas, vistas intelixentes, modelos automáticos e un pequeno panel para xestionar un negocio desde o teléfono móbil ou ordenador. Ao rematar, as persoas participantes terán un CRM listo para comezar a usar. As inscricións pódense formalizarse tamén na Rede.
Finalmente, o venres 26 de decembro a partir das 12.00 horas celebrarase o obradoiro telemático Consegue máis conversións coa Landing Page perfecta organizado pola oficina de Pontevedra. A sesión explorará que é unha páxina de destino e como se pode empregar como parte fundamental da estratexia de mercadotecnia dixital. Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla experiencia no ámbito da mercadotecnia en liña, amosará exemplos e diferentes ferramentas cos que mellorar as conversións a través da páxina de destino perfecta. As inscricións pódense realizar no formulario xa dispoñible.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.