SmartPeme+ comeza o ano con dous obradoiros centrados na protección de datos e nos ODS
luns, 5 de xaneiro do 2026
A Deputación de Pontevedra inicia o ano, en materia de formación tecnolóxica, achegando dous novos obradoiros de capacitación da Rede SmartPeme+. As accións desenvolveranse en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa) o xoves 8 e o venres 9 de xaneiro e abordarán a protección de datos e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
O xoves 8 de xaneiro ás 12,00 horas celebrarase o obradoiro en liña Protección de datos para as pemes I - Datos baixo control coordinado pola oficina de Barro. Os participantes aprenderán os fundamentos legais que toda pequena empresa ou autónomo debe coñecer para cumprir coa normativa de protección de datos e evitar sancións. Explicarase de forma sinxela o marco legal vixente, quen é o responsable do tratamento e cal é a súa función, e que documentación é necesaria: rexistro de actividades, cláusulas de privacidade e consentimento. Abordaranse tamén as obrigas básicas a cumprir no día a día para garantir a seguridade e a legalidade no manexo da información. Estará impartido por Manuel Tornos, experto en transformación dixital, optimización de procesos e novas tecnoloxías, e as inscricións pódense realizar neste xa a través da Rede.
O venres 9 a partir das 12.00 horas celebrarase o obradoiro telemático Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: a folla de ruta global para a sustentabilidade, organizado pola oficina de Vigo. A sesión servirá de axuda a calquera profesional que desexe comprender o marco global da sustentabilidade e como traducilo en accións concretas e medibles. O obradoiro será impartido por Sabela Álvarez, asesora de emprendemento, licenciada en Comunicación e formadora acreditada con experiencia en empregabilidade, emprego e emprendemento. As inscricións pódense realizar a través do formulario en liña habilitado.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 obradoiros formativos e actividades complementarias.
