Son Goku chegará ó PC nun MMORPG

mércores, 4 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A serie de televisión Dragonball protagonizada repite o seu éxito nas consolas de videoxogos dende os tempos da SuperNintendo, e aínda continúa a dar excelentes títulos para PS2 e PS3, pero finalmente Son Goku e os seus amigos terán un xogo para PC, que será multixogador en liña.
Dragonball Online será un MMORPG ambientado 216 anos despois dos feitos relatados na serie Dragonball Z (obviando o acontecido en Dragonball GT, que non era obra de Akira Toriyama) e a historia continúa os mesmos pasos dos debuxo animados xaponeses, sendo os obxectivos salvar o mundo coa axuda do Toranks do futuro ante a ameaza dunha malvada organización, atopar as bolas máxicas ou adestrarnos para o grande torneo de artes marciais, podendo encarnar a un namekiano, a un humano ou a un superguerreiro (con aparencia totalmente configurable, como é habitual neste tipo de xogos).

Imaxe do xogo durante un combate

Para incrementar o atractivo do xogo en liña, aparecerán algúns dos míticos personaxes da serie orixinal (envellecidos polo paso do tempo) e destaca tamén un xeito de xogo que permite comezar cun personaxe de neno, de xeito que vai medrando e desenvolvéndose durante o xogo como tamén acontecía no clásico da animación xaponesa.
As imaxes que se poden ver do xogo ata o momento teñen un detalles que lembra ós xogos de PlayStation 2 da saga, o que podería ser un punto a favor, xa que os seguidores destes xogos estarán familiarizados con este tipo de visión tridimensional que pretende dar unha aparencia de debuxo animado, e quedaría por ver se o xogo se lanzará só para o mercado nipón ou estará dispoñible globalmente. O lanzamento xaponés será a finais de 2007 ou comezos de 2008.
Velaquí un avance do xogo elaborado por un afeccionado:

PUBLICIDADE