Sony pecha o estudio Bluepoint Games

xoves, 19 de febreiro do 2026 Redacción

Sony decidiu clausurar o estudio estadounidense Bluepoint Games, filial de PlayStation especializada na creación de remakes de videoxogos clásicos, operación que se fará efectiva o mes que vén afectando a preto de 70 traballadores, segundo confirmou un voceiro da compañía tras unha «revisión recente do negocio».
Bluepoint fora recoñecido pola súa capacidade técnica e polo coidado na actualización de títulos emblemáticos para plataformas actuais. Entre os seus traballos máis destacados figuran as novas versións de Demon’s Souls, Shadow of the Colossus e a colección de Uncharted: The Nathan Drake Collection. A compañía fora adquirida por Sony en 2021, pouco despois do lanzamento de Demon’s Souls para PlayStation 5.
Ademais dos remakes, o estudio colaborou no desenvolvemento de God of War Ragnarök, publicado en 2022. Posteriormente iniciara a produción dun título da saga orientado ao modelo de xogo como servizo, un proxecto que cancelado en xaneiro de 2025 (e que se comentaba que podía ter sentado a base do remake da triloxía de God of War anunciada a semana pasada). Naquel momento, PlayStation asegurara que estaba a traballar con Bluepoint para definir o seu seguinte paso estratéxico.
A decisión de pechar o estudio enmárcase nun reaxuste interno dentro da división de videoxogos de Sony, que nos últimos anos revisou a súa aposta polos títulos como servizo tras varios proxectos cancelados. Coa desaparición de Bluepoint, PlayStation perde un dos seus equipos máis especializados na actualización de clásicos, nun momento no que o mercado continúa a valorar tanto as novas producións como a recuperación de grandes obras do pasado.