Sony presenta no Xapón portátiles de menos de 1 Kg de peso

luns, 6 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Sony vén de presentar a súa nova serie de portátiles Vaio G, que presumen de ser os máis lixeiros do mundo con peso de entre 989 e 984 gramos (segundo teñan ou non unidade de lectura óptica). Estes novos equipos contan con pantallas de 12,1 polgadas e se venden con distintos procesadores (Celeron M, Intel Core Solo U1300 a 1,06 GHz e Intel Core Solo U1400 a 1,2 GHz) contando con discos duros de ata 80 Gb e con ata 1,5 Gb de memoria RAM.
Os Vaio G teñen unha batería que garante unha autonomía de 6 horas (aínda que hai unha versión con 12,5 horas de autonomía que pesaría 1.145 gramos), e inclúen lector de pegadas dixitais e conectividade sen fíos (IEEE 802.11a/b/g e Bluetooth). Tamén contan con portos USB 2.0, fendas para tarxetas PCMCIA e lector multiformato de tarxetas de memoria.
Os Sony Vaio G miden 27,7 x 21,5 x 2,35 cm. e chegarán ó mercado xaponés en decembro a prezos que van dende os 215.000 ós 245.000 iens (1.429 e 1.629 euros respectivamente) descoñecéndose polo momento o plan de comercialización para o resto do mundo.

PUBLICIDADE