Spotify lanza unha nova función inmersiva: SongDNA

martes, 24 de marzo do 2026 S. P.

Spotify anunciou o lanzamento de SongDNA, a súa nova nova experiencia musical inmersiva deseñada para mostrar as inspiracións creativas que hai detrás da música na plataforma. Integrada directamente na vista Reproducindo, xa está ao alcance da man (en fase beta) para os usuarios Premium en todo o mundo. Dende Spotify explican que “só tocar o cartón de SongDNA, os usuarios poderán explorar quen son os compositores, produtores e colaboradores detrás dunha canción, descubrir os samples e referencias e inspiracións que deron forma ao seu son”.
Ademais, poderán acceder a calquera destes creadores para coñecer con que outros artistas traballaron e seguir explorando esas conexións.
A firma explica que estamos ante unha forma interactiva de navegar entre cancións e observar como se cruzan artistas, épocas e xéneros, “ofrecendo unha comprensión máis profunda de como se creou a música que están a escoitar”.
Para tirarlle proveito cómpre abrir Reproducindo agora mentres se escoita unha canción na aplicación móbil de Spotify e, ao desprazarse cara abaixo, poderase atopar o cartón de SongDNA nas cancións compatibles. Ao tocala, veremos os colaboradores do tema, os seus samples, referencias e versións, e seguir as ligazóns para seguirmos descubrindo música.
“SongDNA”, explica Spotify, “ofrece unha nova vía para que os seareiros interactúen co traballo dos artistas e de toda a comunidade creativa, incluídos compositores, produtores, autores e enxeñeiros, ao situar as colaboracións e as influencias en primeiro plano”.
As conexións que mostra baséanse nunha combinación de información proporcionada polos propios artistas e os seus equipos, complementada con datos achegados pola comunidade. A medida que Spotify continúa desenvolvendo esta experiencia en fase beta, os equipos de artistas e selos que cumpran os requisitos poderán revisar e xestionar os elementos de SongDNA a través de Spotify for Artists, “o que lles permitirá desempeñar un papel directo en como se conta a súa historia musical”.