Starlink ofrece acceso á Rede de balde en Venezuela
luns, 5 de xaneiro do 2026
Starlink activou unha medida extraordinaria de apoio á poboación de Venezuela coa prestación de acceso de balde a Internet vía satélite ata o vindeiro 3 de febreiro. A iniciativa busca garantir a conectividade tanto de usuarios activos como daqueles que, por distintos motivos, interromperan o servizo.
Segundo informou a compañía, os clientes activos non precisan realizar ningunha xestión, xa que os créditos correspondentes ao servizo gratuíto están a aplicarse de maneira automática nas súas contas. No caso dos usuarios inactivos (ben por ter o servizo en pausa ou por situacións relacionadas co pagamento), estes créditos tamén se están asignando de forma proactiva, o que lles permite reactivar a conexión durante o período establecido.
Os usuarios poden comprobar a aplicación destes créditos na sección de facturación da súa conta persoal. A empresa subliña que, nesta fase, o obxectivo principal é facilitar a conectividade tanto a clientes novos como existentes para apoiar á cidadanía venezolana.
Starlink indica ademais que as persoas que xa dispoñan dun kit da compañía poden empregar o servizo no país seleccionando un plan Roam, unha modalidade que permite o uso do equipamento en diferentes territorios. A compañía de Elon Musk lembra que continúa a monitorizar a evolución das condicións operativas e os requisitos regulatorios, polo que aínda non existe un calendario definido para a venda local do servizo en Venezuela. Esta medida de Starlink resulta bastante curiosa, xa que o territorio de Venezuela non está afectado por ningunha catástrofe que afectase ás súas infraestruturas de telecomunicacións, e parece ser unha simple pose para amosar o seu apoio á Administración Trump.

- Resulta curioso que Starlink ofreza servizo de balde a Venezuela cando non está presente nese país comercialmente, nin o territorio está afectado a nivel de infraestruturas por ningunha catástrofe
