TRON: Legacy terá edición de coleccionista

martes, 31 de agosto do 2010 Marcus Fernández

O vindeiro 17 de decembro poderemos ver nos cines de medio mundo a película en 3D TRON: Legacy, que chegará ao mercado acompañada por un videoxogo, TRON: Evolution, que chegará 10 días antes, e do que estará dispoñible unha edición de coleccionista nas súas versións de Xbox 360 e PlayStation 3 que inclúe, aparte do xogo en si mesmo, unha moto de luz exclusiva (acompañada por unha vitrina protectora), inspirada nos deseños deste tipo de vehículos que aparecerán na nova película e que son moi recoñecibles dende a primeira entrega da saga que chegara aos cines en 1982, pasando a formar parte da iconografía popular. Esta edición especial venderase nos EE.UU. por 129,99 dólares.
Aparte das consolas de alta definición, TRON: Evolution tamén terá edicións para Wii, PC, Nintendo DS e PSP, de xeito que chegará ao maior público posible, facilitando gozar así dunha saga que en 2003 volveu na forma de videoxogo con Tron 2.0, título que buscaba resucitar a franquía cunha trama semellante á da película actual, polo que poderiamos dicir que cumpriu o seu papel.

PUBLICIDADE