Tecnocom integra o Centro de Control de Tráfico do Cebreiro

mércores, 8 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Tecnocom, a empresa española que incorporou no seu equipo ás galegas Softgal e Softgal Gestión, é a responsable da integración dunha infraestrutura de control de tráfico na autovía A-6 ó seu paso en Pedrafita do Cebreiro, na provincia de Lugo. O proxecto, que foi adxudicado por Telvent e SICE por un custo de 129.000 euros, está encamiñado a facilitar a achega de información sobre o estado de tráfico no devandito vieiro, co fin de acurtar na medida do posible o tempo de resposta dos efectivos de control e axuda da circulación perante calquera accidente.
O Centro de Control de Tráfico de Pedrafita opera recibindo imaxes dunha ampla rede de cámaras de vídeo situadas nos treitos onde hai meirandes dificultades orográficas e meteorolóxicas. O proxecto, para o que se empregou a tecnoloxía da empresa belga Barco (tecnoloxía punteira na integración de dispositivos de control), permite polo tanto levar a cabo un control exhaustivo non só do tráfico e dos accidentes, senón tamén dos desperfectos da vía ou mesmo do tempo (emprestando especial atención ó xeo, dada a disposición da autoestrada en zonas pretas á alta montaña).
Dende o punto de vista técnico, a infraestrutura inclúe tres elementos: pantalla de visualización, controlador gráfico e software de xestión. Segundo apunta Tecnocom, a tecnoloxía empregada achega “notables vantaxes para os técnicos do centro, como son a alta resolución de pantalla, o acceso a través de control remoto do sistema e o uso no futuro, se fose preciso, de máis cámaras”. Cómpre sinalar que a empresa tamén foi seleccionada polo operador galego R como integrador do mural de retroproxección da sala de operacións e mantemento do Centro de Control da Grela, na Coruña.

PUBLICIDADE