Telefónica Open Future e Scytl impulsan tecnoloxías de comunicación segura entre cidadanía e goberno
mércores, 24 de febreiro do 2016
Telefónica
Open Future (aceleradora internacional de innovación aberta para
desenvolver e captar o talento e emprendemento) e Scytl
(empresa centrada nas solucións seguras de xestión electoral, voto
por Internet e goberno electrónico) anunciaban hoxe a súa
colaboración de cara ao lanzamento de OpenSeneca,
unha nova plataforma dixital para achegar aos cidadáns e aos seus
representantes electos unha canle segura para interactuar, debater e
deliberar. A meta desta plataforma é a de mellorar a participación
democrática e promover as consultas cidadás potenciando a
transparencia no sector público.
Cómpre dicir que este
acordo xorde ao abeiro do 4YFN do MWC, convertendo a OpenSeneca nunha
nova entidade formada a partir dun spin-off
da unidade de negocio de eDemocracia
de Scytl que inclúe persoal, solucións, patentes, clientes, e
socios. A nova compañía aspira a converterse nunha referencia neste
nicho de mercado que se estima alcance un tamaño de 1Bn de euros nos
vindeiros 5 anos. OpenSeneca faise realidade grazas a unha
contribución de recursos de ambas as compañías por un importe de
35 millóns de euros que se irá completando conforme se vaia
executando o plan de negocio.
Indo
ao miolo de OpenSeneca, consiste nunha plataforma que combina un
repositorio global de Open Data con
ferramentas de interacción, agregación e explotación de datos. A
plataforma de participación cidadá de OpenSeneca inclúe: un
conxunto de ferramentas cloud
para a participación, discusión, consulta e deliberación
multidireccional. Tecnoloxía patentada de cifrado de datos e de
inmutabilidade de rexistros que garante a privacidade do cidadán, a
integridade do sistema e a súa análise pormenorizada. Unha base de
datos aberta e anónima que proverá aos gobernos de información
sobre o sentir da cidadanía e axudará na toma de decisión
afíns a estes sentimentos. Esta información estará organizada
verticalmente por comunidades e localizacións, e transversalmente
por temas e contido.
"Na actualidade, a
comunicación dos gobernos cos seus cidadáns limítase na maioría
dos casos ao proceso electoral que acontece
cada 4 anos; isto a día de hoxe non abonda para as novas xeracións
de cidadáns que esixen que se lles escoite nas decisións que
afectan ao seu día a día e piden ferramentas que lles permitan
interactuar cos seus políticos”, afirmaba Ana Segurado, directora
global de Telefónica Open Future.
Pablo
Sarrias, actualmente vicepresidente senior de Desenvolvemento
Corporativo de Scytl e director executivo da nova compañía
engadía que "a través do proxecto, tanto representantes
políticos como cidadáns e organizacións de todo o mundo terán
unha contorna segura para interactuar e participar nos asuntos do seu
interese”.
OpenSeneca conta cunha
carteira de máis de 30 patentes internacionais na área de
seguridade en procesos democráticos e
participativos. Unha versión limitada da plataforma sairá ao
mercado na primavera de 2016 e estará dispoñible de balde para
cidadáns, organismos e organizacións.
