Os desafíos tecnolóxicos das pemes, polo miúdo nunha xornada na Deputación de Pontevedra

mércores, 3 de xuño do 2026 S. P.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este mércores 3 de xuño na apertura dunha nova xornada dirixida a profesionais, autónomos e responsables da pequena e mediana empresa da provincia celebrada no salón de actos do Edificio Administrativo da institución provincial baixo o título Preparando ás Pemes Galegas para os novos desafíos.
Foi un encontro de traballo impulsado, en colaboración co organismo provincial, por AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) para poñer o foco nos desafíos e oportunidades que rodean á intelixencia artificial e á ciberseguridade.
Luis López debullou algúns dos esforzos recentes da Deputación en materia de transformación tecnolóxica. “Ao longo destes case tres anos de mandato, despregamos un amplo abano de plans, programas e iniciativas que están a ser un completo revulsivo para a dixitalización da Administración, tanto provincial como local, da que se beneficia toda a provincia”, contextualizou Luis López antes de citar feitos concretas como os 6,5 millóns de euros destinados este ano ao Servizo de Novas Tecnoloxías, a cooperación coa administración local a través da Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos (OTAC), a posta en marcha da administración electrónica ou a dixitalización do padrón municipal, así como o asesoramento ao sector privado a través do programa SmartPeme e a súa alianza cos Polos de Emprendemento da Xunta.
A xornada comezou cun acto institucional de benvida no que, ademais do deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís; tamén participou o director de AMTEGA e extraballador da Deputación, Damián Rey. “A modernización tecnolóxica de Galicia está en moi boas mans”, recoñeceu o presidente para darlle a benvida á que “seguirá sendo sempre a súa casa”. Logo da inauguración, o programa continuou con tres conferencias relacionadas con como atacan os piratas informáticos, a ciberseguridade para pemes e autónomos e a lexislación en intelixencia artificial no sector das pemes.
Luis López deixou unha reflexión sobre as consecuencias da dixitalización e da implantación da intelixencia artificial. “Din os expertos que a IA ten sesgos e que non é todo o imparcial que parece. Nós non deberamos agardar a que se posicione nos temas que nos interesan a nós. Para a Deputación é o mundo local e o benestar dos veciños desde o prisma municipal”, rematou o mandatario provincial.