ViaGalicia pecha a súa oitava convocatoria con 14 proxectos marcados pola innovación
mércores, 3 de xuño do 2026
A aceleradora ViaGalicia da Zona Franca Vigo e da Xunta fixo balance dos fitos acadados polas súas anteriores edicións, no marco do peche da súa oitava convocatoria. Segundo se fixo saber, a aceleradora impulsou en 13 anos máis dun centenar de novas startups que superaron no último ano 45 millóns de euros de facturación creando máis de 700 empregos de alta cualificación. A 8ª entrega de ViaGalicia pechouse con 14 proxectos “marcados pola innovación”.
O auditorio de Porto do Molle, o parque empresarial de Zona Franca en Nigrán, acolleu este 3 de xuño o acto de peche desta edición coa presenza de todos os equipos participantes que, da man do delegado do Estado da Zona Franca, David Regades, e da directora do IGAPE, Covadonga Toca, recibiron os seus diplomas e falaron dos seus proxectos que agora pasan a formar parte do tecido empresarial de Galicia, facéndoo máis forte e competitivo. Ao acto asistiron tamén o alcalde de Nigrán, Juan González, a directora de Innovación do IGAPE, Rosa Méndez, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
“Hoxe terminades esta etapa e empeza o camiño do voso crecemento e consolidación”, apuntou o delegado do Estado, David Regades, quen tamén destacou que “nunha contorna na que os estudos din que só un 10% dos proxectos chegan a ser empresas a longo prazo, en ViaGalicia conseguimos un 54% de taxa de supervivencia”.
O delegado tamén subliñou que no último ano “as startups impulsadas pola aceleradora superaron a cifra de 45 millóns de facturación e pechado roldas de financiamento por valor de 70 millóns, creando máis de 700 empregos de alta cualificación, números que consolidan a ViaGalicia como un referente no impulso ao emprendemento innovador”.
Nesta oitava edición as e os emprendedores atoparon un completo itinerario de apoio integral dun ano de duración no que puideron madurar a súa proposta empresarial e desenvolver todo o seu potencial con garantías de éxito.
Tamén destaca o apoio financeiro. As novas firmas innovadoras participantes contan cunha subvención a fondo perdido de 25.000 euros para axudarlles no arranque do seu proxecto, ao que se engade un fondo de 1,5 millóns de euros, ao que terán acceso as startups investibles e con maior potencial, co fin de apoialas no seu crecemento e escalabilidade. O fondo está xestionado a través das sociedades de capital risco Vigo Activo (Zona Franca) e XesGalicia (Xunta), impulsoras do programa.
ViaGalicia apoiou nas súas oito edicións máis de 250 proxectos, seleccionados entre máis de 1.500 propostas recibidas e conseguiu consolidarse como unha das principais aceleradoras de España, impulsando o desenvolvemento de produtos e servizos dos máis diversos sectores: desde a alimentación ou o téxtil, aos sectores TIC, aeroespacial, ou vinculados á industria 4.0, moitos dos cales lograron situarse hoxe en día como referentes nos seus mercados.
Os casos de éxito son moito: desde Alén Space, startup especializada no lanzamento de nanosatélites e convertida nunha das pioneiras do sector emerxente do New Space; Beta Implants, que lidera actualmente o mercado ibérico de próteses animais e solucións para o sector veterinario; Alice Biometrics, unha solución innovadora de identificación biométrica; OpositaTest: plataforma líder en España na preparación online de oposicións; ou VigSec-Drone: software para a xestión integral de espazos aéreos nos que operan UAS e aviación tripulada en operacións de emerxencia.
