Telefónica e Ferran Adrià lanzan unha aplicación para introducírmonos nos menús de elBulli

luns, 3 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Telefónica lanzou esta fin de semana, nas tendas de aplicacións de Amazon para Android e máis no Apple Store, unha nova aplicación para tablets baseada na cociña de Ferran Adrià dirixida a divulgar as innovacións gastronómicas do cociñeiro catalán entre a comunidade de usuarios destes aparellos. E tamén, claro, a permitirlles poñelas en práctica. Máis polo miúdo, a aplicación céntrase nos menús de elBulli, menús completos ou pratos individuais, todos eles elaborados cos denominadores comúns da modernidade, a variedade e, como fai fincapé Telefónica para despexar dúbidas sobre o custe da materialización destas receitas, o económico da súa elaboración.
A aplicación reúne 31 “menús equilibrados, de tres pratos cada un (primeiro, segundo e sobremesa) e cuxo de execución oscila entre os tres e os cinco euros por persoa”. A aplicación está baseada en libro de Adriá A cociña da familia e consta de varias seccións para guiarnos, dun xeito moi visual, polas pautas de elaboración das receitas que inclúe a obra. Para máis información, cómpre visitar a web que acompaña a nova aplicación: adriaencasa.com.

PUBLICIDADE