Telefónica instalará en Compostela un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade
martes, 10 de marzo do 2026

- Entre os recursos que estarán dispoñibles destaca un robot humanoide Unitree G1 U1
A Xunta de Galicia vén de adxudicar a Telefónica a posta en marcha dun laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais que se instalará inicialmente en Santiago de Compostela. O proxecto, impulsado a través da AMTEGA, ten como finalidade anticipar os retos de seguridade dixital aos que se enfrontan as institucións, as empresas e a cidadanía galega, ao tempo que servirá como espazo para experimentar coas tecnoloxías máis avanzadas neste ámbito.
O novo laboratorio situarase de xeito provisorio na Cidade da Cultura mentres se completan as obras do futuro Centro de Ciberseguridade de Galicia, que se está a construír no Parque Tecnolóxico de Ourense e que acollerá posteriormente estas instalacións. A infraestrutura formará parte dunha iniciativa máis ampla que inclúe dous laboratorios complementarios (un centrado en produtos con elementos dixitais e outro en ciberseguridade industrial), desenvolvida pola Xunta no marco do proxecto RETECH en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
O espazo concíbese como unha contorna física e virtual destinada a impulsar a innovación, o emprendemento, a formación e a cooperación entre empresas, administracións públicas, centros educativos e cidadanía. Nel instalaranse diversos demostradores tecnolóxicos orientados a analizar a aplicación da ciberseguridade en sectores estratéxicos. Entre eles figuran plataformas para a avaliación e validación da seguridade en produtos e servizos conectados, sistemas de monitorización da calidade do aire en edificios intelixentes, ferramentas baseadas en xemelgos dixitais para a xestión urbana en cidades intelixentes ou un CyberRange destinado á simulación de ciberataques.
O laboratorio tamén contará cun espazo forense para a análise de hardware, firmware e vulnerabilidades, sistemas de xestión segura de frotas de vehículos conectados, proxectos vinculados á agricultura intelixente para a predición de enfermidades nos cultivos e probas de interacción e validación de seguridade en robótica. Neste último ámbito empregarase, entre outros recursos, un robot humanoide Unitree G1 U1 co que se explorará a aplicabilidade de tecnoloxías como a intelixencia artificial ou a computación cuántica na asistencia ás persoas e ás empresas.
Ademais das infraestruturas tecnolóxicas, o centro ofrecerá servizos orientados á sociedade e ao tecido produtivo. Entre eles inclúense iniciativas relacionadas co fogar dixital e as solucións fronte á soidade non desexada, programas de probas e certificación de dispositivos IoT, actividades de formación en ciberseguridade, incubación e aceleración de startups e accións formativas sobre a normativa europea nesta materia (como CRA ou NIS2). Tamén se prevé a organización de eventos especializados, a creación dun observatorio para a elaboración do Libro Branco da Ciberseguridade de Galicia e a habilitación dun espazo experiencial para a divulgación tecnolóxica e a sensibilización cidadá.
Segundo explicou o director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Ángel Alonso, «este centro permitirá posicionar a Galicia como un referente nacional e internacional en ciberseguridade». O responsable da compañía destacou ademais que a instalación contará cun robot humanoide que facilitará «traballar na aplicabilidade de tecnoloxías como a intelixencia artificial ou a cuántica na axuda ás persoas e ás empresas».
A iniciativa desenvolverase no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea. Coa súa posta en marcha, a Xunta e Telefónica pretenden reforzar un ecosistema galego de innovación en ciberseguridade e internet das cousas que permita ás pequenas e medianas empresas acceder gratuitamente a recursos avanzados, coñecemento especializado e apoio técnico para anticipar riscos, protexerse fronte ás novas ameazas dixitais e adaptarse ás esixencias da regulación europea.
