Telefónica reta aos desenvolvedores galegos a dar forma ás Cidades Intelixentes

venres, 17 de abril do 2015 Redacción

Telefónica organiza en Vigo, por vez primeira, a súa xuntanza de programadores HackForGood, que xunta estes días (até mañá) a centos de desenvolvedores do ámbito estatal intercambiando experiencias e superando desafíos arredor da creación da aplicacións e servizos TIC ligados ás cidades intelixentes. A actividade, que chega á súa terceira convocatoria, celébrase na sala I do Edificio Miralles da Universidade de Vigo. Calcúlase que a asistencia global é de preto dun milleiro de novas e novos desenvolvedoras/es. Lembrar que a edición viguesa lévase a cabo de xeito simultáneo noutras outras oito cidades estatais: Madrid, Valencia, Murcia, Sevilla, Málaga, As Palmas de Gran Canarias, Salamanca e Valladolid.
O director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, explicaron este 17 de abril en rolda de prensa os detalles da iniciativa, que busca promover entre os mozos o espírito emprendedor, apoiando a posta en marcha de ideas e negocios que acheguen solucións aos desafíos que expón a sociedade dixital. Ao fío disto, Alonso sinalou que o principal obxectivo é “dar visibilidade ao talento, ofrecendo un marco onde os mozos poidan madurar os seus proxectos e ideas, ao mesmo tempo que crean valor social para o futuro”. Segundo fixo saber, nesta edición o que se procura é “amosar como a tecnoloxía pode contribuír a construír cidades máis amigábeis, sociais e eficaces, achegando respostas a problemas sociais concretos e relativos ao comercio, a mobilidade urbana, a economía, a enerxía ou a Internet das Cousas”.
Polo que respecta á participación da Universidade de Vigo (que acollerá o evento no Edificio Miralles), lembrar que a institución académica viguesa pertence á rede de cátedras Telefónica, que conta para a celebración de HackForGood 2015 coa colaboración da Vicerreitoría de Economía e Planificación e as escolas de Telecomunicación, Enxeñería Industrial, Minas e Informática.
O evento é relativamente libre (participan nela persoas vencelladas á comunidade universitaria e outras que non) e ábrese a desenvolvedores, programadores e deseñadores. Asemade, a iniciativa dá acubillo, tamén, a persoas ou organizacións (como ONG) sen os coñecementos técnicos para desenvolver unha aplicación, pero que tiveran identificado unha necesidade no ámbito social.
En canto á Cátedra Telefónica, dicir que vía a luz hai algo máis de catro meses e nacía de cara á innovación enerxética da Universidade de Vigo, centrando as súas actividades na promoción do desenvolvemento de propostas de mellora e novos servizos de eficiencia enerxética, o emprego das TIC na busca desa eficiencia e a análise da calidade enerxética ambiental.

PUBLICIDADE