Televés asume o futuro liderando proxectos europeos de gran calibre

venres, 21 de xuño do 2019 Redacción

Ollar a listaxe de empresas patrocinadoras da onceava Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que organiza o CPEIG é ollar unha síntese da nosa referencial vangarda tecnolóxica. A punta de lanza das nosas TIC. No grupo atópase unha histórica empresa (con seis décadas de experiencia e coñecemento adquirido) que encaixa á perfección no termo “referente”. Estamos a falar de Televés, a compañía de Santiago, puntal no desenvolvemento de equipamentos de telecomunicación e, tamén, en ámbitos avanzados de saúde dixital e o envellecemento activo.
A empresa compostelá está estes días acelerando o que xa viña acelerado: a súa capacidade de innovación e diversificación. Desta fórmula, reforzada polas máis de 20 empresas e filiais da corporación Televés, abrollan iniciativas tan salientábeis como o proxecto Activage (telecoidado no fogar a través de tecnoloxías da Internet das Cousas) ou GHOST (ciberseguridade). A este proceso de avance e diversificación súmase outro proxecto do que puidemos coñecer detalles co comezo do novo ano: Corp4Future, destinado a transformar as empresas da corporación en empresas integramente 4.0.
Activage
É un proxecto de coidado a distancia no fogar a través de tecnoloxías IoT que comunican automaticamente ao usuario cos profesionais sociais e sanitarios ou con familiares, se o sistema detecta situacións anómalas. Estes recursos IoT, combinados coa conectividade integral a Internet, permiten facer monitoraxe continua das persoas atendidas dentro da súa casa e tamén fóra dela. Foi posto en marcha hai máis de dous anos e entre os seus obxectivos figura a creación do que sería “o primeiro ecosistema sociosanitario galego”.
Activage, activo en diferentes contornas xeográficas europeas, colleu corpo en Galicia cunha iniciativa piloto (un piloto integrado en nove experiencias europeas análogas) na que participa un colectivo de 700 persoas maiores de 60 anos, probando solucións tecnolóxicas (sensores e aplicacións) que fan seguimento do seu quefacer diario e do seu estado de saúde.
No caso da nosa terra, está a ser impulsado por Televés, Cruz Vermella, o SERGAS, a Fundación Vodafone España, a Universidade Politécnica de Valencia, Tecsos, AMTEGA e a Xunta de Galicia.
GHOST
É un proxecto europeo para equipar cun extra de seguridade smart o ámbito do fogar conectado. O seu principal obxectivo é “desenvolver unha aplicación doada de empregar para mellorar a privacidade no fogar dixital conectado á Internet das Cousas”. GHOST salienta por poñer os máis innovadores sistemas de salvagarda e protección de datos e comunicacións (tecnoloxías como blockchain ou deep packet inspection) ao alcance de todos nós, con independencia de que sexamos ou non expertos.
GHOST, informou Televés, ten un orzamento de 4,9 millóns de euros e un período de desenvolvemento de 36 meses.
Corp4Future
Corp4Future ten un investimento inicial estimado de 23 millóns de euros e conta co apoio da Xunta, que incluíu a iniciativa no programa de incentivos para investimentos no ámbito da industria intelixente. O proxecto suporá o desenvolvemento duns 120 novos perfís laborais, con importantes oportunidades de formación e desenvolvemento profesional. Os obxectivos xerais da iniciativa son os seguintes: aplicación e mellora dos procesos produtivos a través do uso de novas tecnoloxías (tales como realidade aumentada, robótica colaborativa ou novos métodos de fabricación), deseño e desenvolvemento de novas funcionalidades e novas tecnoloxías (Monolithic Microwave Integrated Circuits -MMIC- ou Internet das Cousas -IoT-, etc.), apertura de novos mercados e consolidación dos tradicionais (principalmente difusión multimedia e equipamento de medida), mellora dos sistemas de información e da comunicación entre a corporación e os seus clientes ou, tamén, desenvolvemento dun prototipo global dentro do grupo que sirva como demostrador das novas capacidades adquiridas e do paradigma de Industria 4.0.
Facturación Televés Corporación
2017 – 176 millóns de euros
2018 – 196 millóns de euros aproximadamente (as contas finais péchanse marzo2019)
2019 - previsión de crecemento 12% sobre 2018
2020 - previsión de crecemento 7% sobre 2019
Hospitality
O crecemento de Televés está a ser moi significativo na nova área de negocio Hospitality, na que está previsto un medre do 40% ao peche de 2019, cifras de negocio relativas na súa práctica totalidade ao mercado español. A previsión é a de experimentar con 2020 un crecemento exponencial en tecnoloxías de saúde e coidados, en canto se inicie o proceso de internacionalización.

PUBLICIDADE