Thais Pousada participa en Cabo Verde nun seminario sobre inclusión de rapaces con necesidades especiais
martes, 14 de febreiro do 2023
A
investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade
da Coruña) Thais
Pousada participou os días pasados (o 9 e 10 de febreiro) en Cabo
Verde no Seminario Internacional Incluçao em Rede, organizado
pola Universidade de Cabo Verde e a Asociación Colmeia de Pais e
Amigos de Crianças e Jovens com Necessidades Especiais. A
investigadora interveu na mesa redonda Tessituras inclusivas em
debate: desafios contemporâneos na que tivo a oportunidade de
presentar os proxectos de innovación docente e o título de Espazo
Compartido da Universidade da Coruña, do que é a súa directora
académica.
Pousada
tamén participou no obradoiro Tecnologias de apoio –
acessibilidade e inclusão, direito de todos! que estivo dedicado
á presentación de resultados da liña de investigación na creación
e deseño de tecnoloxías e produtos de apoio de baixo custo para
persoas con diversidades funcionais e cognitivas e a mostrar as
posibilidades que ofrece a impresora 3D como “un medio alcanzable
e ao alcance dos profesionais para a súa elaboración”.
Esta
participación xorde da colaboración que estableceron as entidades
caboverdianas co Centro de Recursos para a Inclusão Dixital do
Instituto Politécnico de Leiria, no que Thais Pousada está a
realizar unha estadía de investigación.
A
partir deste primeiro contacto xurdiron novas posibilidades de
colaboración entre a Universidade de Cabo Verde e a Asociación
Colmeia dirixidas á mellora das condicións de vida da poboación
infantil con necesidades especiais da illa de Santiago.
