TikTok ten máis de 2,7 millóns de usuarios en España

venres, 1 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Unha das aplicacións de moda actualmente é, sen dúbida, TikTok, con grande éxito entre a mocidade xa dende que coñecíase como musical.ly, e por fin podemos pór en cifras o seu impacto no noso territorio grazas á filtración dunha presentación remitida a unha axencia europea de publicidade da que vén de dar conta Digiday, e que permítenos coñecer información interna da compañía sobre o seu uso en Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia e España en novembro de 2018.
Esta aplicación de vídeos breves tería superado en España os 2,7 millóns de usuarios activos ao mes dos que o 65% serían mulleres. Os usuarios españois de TikTok pasarían uns 31 minutos ao día na aplicación, que abrirían unhas 6 veces ao día consumindo de media no territorio español uns 3 mil millóns de vídeos ao mes.
Estes datos constatarían o éxito desta aplicación, que está a buscar un maior aproveitamento publicitario, de xeito que na propia presentación filtrada podemos ver que no presente ano teñen previsto o lanzamento de lentes 2D, 3D e de realidade aumentada patrocinadas, que sumaríanse ao resto de formatos publicitarios como os anuncios en vídeo ou os retos de cancelo.
TikTok presume de ter 800 millóns de usuarios activos ao día e de ser a plataforma de creación de vídeo de maior crecemento a nivel global, polo que é un actor a ter no punto de mira, xa que tanto pode converterse nun éxito como Instagram, sucumbir como fixo Vine ou manterse nun perfil non moi alto que sexa moi interesante en función do tipo de público que aglutina.

PUBLICIDADE