Tras o éxito das lentes de Ray-Ban, Meta estaría a preparar un smartwatch

xoves, 19 de febreiro do 2026 Redacción

Segundo publicou The Information, Meta estaría a preparar o lanzamento do seu primeiro reloxo conectado ao longo deste ano, recuperando internamente o proxecto coñecido como Malibu 2, que integrará Meta AI e funcións de seguimento da saúde.
Non é a primeira vez que transcende que a empresa traballa nun dispositivo deste tipo. Xa en 2021 o mesmo medio informara de que Meta desenvolvía un reloxo baseado nunha versión de código aberto de Android. Durante os meses seguintes foron aparecendo detalles sobre posibles prestacións, como a incorporación dunha cámara extraíble e mesmo a existencia dun modelo con ata tres cámaras. Porén, en 2022 o proxecto quedou en suspenso mentres a compañía priorizaba outras liñas de produto no ámbito dos wearables.
Actualmente o catálogo de produtos wearables de Meta está composto principalmente por cascos de realidade virtual e lentes con IA. Entre elas destacan as Ray-Ban Meta, que acadaron unha boa acollida no mercado estadounidense. A compañía tamén tería en desenvolvemento catro modelos de lentes de realidade aumentada e mixta, aínda que o seu lanzamento non será inmediato.
Se se confirma o lanzamento de Malibu 2, Meta ampliaría a súa presenza no ecosistema dos dispositivos conectados, combinando intelixencia artificial e funcionalidades orientadas ao benestar nun mercado cada vez máis competitivo.