Trasno publica os acordos terminolóxicos do seu encontro de localizadores ao galego de novembro
luns, 12 de marzo do 2012
As Trasnadas,
eses eventos de irmandade nos que se xuntan en ambiente de participación as
persoas que desenvolven o importante labor de traducir programas de software
libre á nosa lingua, teñen un radio de acción que se perde na distancia. Ou
sexa, que van moito máis alá dos límites espaciais e temporais da propia Trasnada, a última das cales celebrouse en Vigo o
pasado 12 de novembro, unha vez máis da man de Trasno. O caso é que cada
encontro constitúe a semente de novidades futuras. E tamén de acordos terminolóxicos
que facilitan o labor do voluntariado tradutor. Sen ir máis lonxe, o pasado día
7 o Proxecto Trasno publicou
os acordos da xuntanza de Vigo.
Lembrar que durante este encontro abordáronse
diversas cuestións terminolóxicas e, segundo nos recorda a asociación, chegouse
a un consenso sobre uns 50 novos termos “incluído
algún conflitivo, o que sumado aos máis de 80 acordos da Trasnada 11.0 e os 20
da Trasnada 10, supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións
ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre”.
Segundo se engade, o que se vén de publicar
agora ten especial relevancia dende moi diversas frontes (comunidade de
desenvolvedores, de usuarios, empresas, institucións, etc), xa que procede
directamente dun encontro, a Trasnada
11.1 do pasado novembro, máis concorrida que nunca. Tanto dende o punto de
vista dos membros do colectivo como de participación de persoas alleas ao
proxecto. Os resultados, informa Trasno, están xa dispoñibles para todas
aquelas persoas interesadas na páxina de
resultados das Trasnadas en
formato estándar TBX
(Term Base eXchange), e preparados para poder usarse nas principais
ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT). Nesa mesma páxina
tamén se poden descargar os resultados das anteriores Trasnadas.