Tres novas incorporacións galegas ao catálogo do Centro de Transferencia de Tecnoloxía
luns, 8 de xuño do 2015
A nosa terra xa hai
tempo que é unha factoría de software libre de primeira liña, e a
inclusión de programas de empresas nosas no catálogo de solucións
do Centro de Transferencia de Tecnoloxía do Estado non fai máis que
corroboralo. Sen ir máis lonxe, os días pasados formalizouse
a incorporación ao CTT de tres solucións innovadoras de raizame
galega, co obxectivo de ampliar a súa difusión e acompañando o
proceso de toda a información precisa para facilitar o seu
coñecemento e reutilización. Trátase de XEA, DESOURB e Concurrent
Cache Manager.
Segundo informa AMTEGA
(Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), responsábel
da inclusión, as tres ferramentas foron publicadas ao longo do ano
pasado no seu Repositorio de Software Libre.
A idea, agora, amais de
favorecer o seu coñecemento, é ampliar a súa marxe de uso e
implantación para outras administracións e fomentar (tratándose
como se trata de software libre) a colaboración para a súa mellora.
XEA
é unha aplicación web para a xestión de todos os recursos das
aulas CeMIT (aulas de alfabetización e formación dixital de AMTEGA,
espalladas por todo o noso territorio), que permite aos usuarios a
consulta sobre todas as actividades de formación que se ofertan, a
inscrición nelas, o apoio para a súa realización e a obtención de
certificados de aproveitamento dos mesmos. Tamén proporciona aos
responsábeis das centros a organización tanto das actividades da
Rede como do seu labor diario. XEA é unha adaptación desenvolvida
por Fundetec para AMTEGA, da aplicación ISIS, creada previamente
por Fundetec para a xestión do programa CyLDigital da Xunta de
Castela e León.
O proxecto DESOURB,
pola súa banda, foi desenvolvido con fondos europeos obtidos a
través do Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal
(POCTEP) cuxo obxectivo era a definición dun modelo innovador de
planificación e xestión territorial baseado en indicadores. Para
iso creouse unha plataforma informática en web, que permite a
captura e introdución de información, tanto en soporte alfanumérico
como xeográfico, necesaria para a realización dos diagnósticos,
establecer obxectivos ou facer seguimento dos resultados das accións
realizadas en base a índices e indicadores. “A aplicación”,
explica AMTEGA, “permite o cálculo automático destes indicadores,
dende os que comprenden cálculos máis sinxelos, como os máis
complexos que requiren operacións con datos xeográficos”.
Por último, Concurrent
Cache Manager (CCM), é unha biblioteca Java que, segundo explica
a Axencia, permite “mellorar de forma notábel o rendemento das
transaccións entre as aplicacións empregadas nas Oficinas do
Servizo Público de Emprego de Galicia e a plataforma informática do
Servizo Público de Emprego estatal, o que se traduce nunha maior
axilidade no desenvolvemento traballo por parte dos empregados de
ditas oficinas”. CCM, engade AMTEGA, é un compoñente software que
pode ser reutilizado “por calquera servizo de emprego autonómico,
xa que todos eles precisan conectarse aos sistemas do Servizo Público
de Emprego estatal”.