TripleAlpha avanza no camiño de crear unha plataforma de IA para transformar a xestión avícola

mércores, 17 de decembro do 2025 S. P.

A empresa tecnolóxica galega TripleAlpha, con sede na Escravitude (Padrón), avanza cara á fase final de desenvolvemento de AlphaChick, unha innovadora plataforma baseada en intelixencia artificial (IA), análise nutricional avanzada e automatización intelixente, deseñada, en palabras da firma, “para transformar de maneira integral a xestión das explotacións avícolas”. A solución, xa nunha etapa moi madura de desenvolvemento, encamíñase á súa validación final en granxas reais, onde “demostrará a súa capacidade para mellorar a eficiencia, a sustentabilidade e o benestar animal”, apuntan dende TripleAlhpa.
O proxecto aborda un dos grandes desafíos do sector: a xestión dispersa e manual de datos críticos, como o consumo de penso, o crecemento das aves, a mortalidade ou os indicadores de saúde. “Esta falta de dixitalización dificulta a análise en tempo real e limita a capacidade de resposta das explotacións ante incidencias produtivas, sanitarias ou relacionadas coa eficiencia, tal e como ocorre actualmente en boa parte das granxas”, sinala o Clúster Alimenario de Galicia (CLUSAGA), ao que pertence TripleAlpha, engadindo que AlphaChick propón unha plataforma na nube (cloud) unificada que integra datos procedentes de sensores IoT (siglas de Internet das Cousas) ambientais, dispositivos de análise NIR, formularios web para dixitalizar os rexistros de granxa e sistemas de información internos. Toda esta información procésase no contorno de Azure e visualízase nunha aplicación responsive con dashboards baseados en Power BI, o que permite un control continuo e centralizado de todos os parámetros relevantes de cada lote produtivo.
Un dos elementos máis innovadores do proxecto é a incorporación da tecnoloxía NIR (Near Infrared), que permite analizar de forma inmediata a composición nutricional dos pensos, achegando información en tempo real sobre parámetros como proteína, graxa ou humidade.
“Esta capacidade é clave para optimizar a alimentación e reducir a dependencia de laboratorios externos, facilitando unha formulación máis precisa e eficiente”, explican dende a empresa, apuntando que “a solución está deseñada para adaptarse ás características de cada explotación e facilitar a automatización intelixente, permitindo configurar alertas e respostas automáticas ante incidencias, como variacións anómalas no consumo de penso ou incrementos na mortalidade”.
Este avance supón un paso decisivo no obxectivo de levar AlphaChick ata a súa implantación efectiva, tras unha fase de desenvolvemento na que a plataforma incorporou modelos avanzados de análise de datos e IA orientados á mellora da toma de decisións nas explotacións avícolas.
O proxecto está financiado a través do programa IG408M – IA 360, impulsado polo IGAPE (Xunta de Galicia) co apoio dos fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. TripleAlpha prevé concluír o desenvolvemento nos vindeiros meses e facilitar a súa despregadura no sector avícola galego como unha ferramenta clave na súa transición dixital.