Trump regresa a X/Twitter

venres, 25 de agosto do 2023 Marcus Fernández

A pasada noite tivo lugar un acontecemento histórico nos EE.UU., xa que por primeira vez un ex-presidente tivo que someterse á humillación de pousar para a fotografía da súa ficha policial tras ser detido e liberado baixo fianza acusado de participar nunha organización criminal para alterar os resultados electorais das eleccións presidenciais de 2020 (que Trump perdeu). É a cuarta detención de Trump en poucos meses, pero nas tres anteriores ocasións conseguiu evitar pousar para unha fotografía que quedará para a posteridade.
A gravidade do acontecido provocou que Donald J. Trump fixese algo ao que levaba meses resistíndose: facer unha publicación en X/Twitter. Trump fora expulsado de Twitter acusado de promover o asalto ao Capitolio (tras ser apercibido por numerosos incumprimentos das normas da plataforma pola súa conduta violenta e os seus discursos de odio), e chegou a crear unha plataforma social de seu, Truth Social, na que practicamente a única actividade relevante é a do propio Trump, e que está acusada de recibir financiamento ruso e ter problemas co control dos seus contidos (incluíndo a súa publicidade, na que abundan os calotes).
A anterior publicación de Trump en X/Twitter data de xaneiro de 2021, pese a que Trump restaurou as funcionalidades da conta o pasado novembro. A publicación coa que Trump volve serve para instar aos usuarios a visitar a súa páxina web, dende a que está a recadar fondos para a súa campaña de cara ás vindeiras eleccións presidenciais, aínda que cun detalle curioso: a fotografía policial que publica Trump está editada para non amosar o escudo da oficina do sheriff, o que sería un acto de manipulación que serve para confirmar que o republicano segue sen respectar a verdade á hora de dirixirse á cidadanía.