Trunfos galegos nos Premios 20Blogs

martes, 1 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Esta noite celebrouse a gala de entrega da XIII edición dos Premios 20Blogs organizados polo xornal 20 Minutos, no que resultou como principal gañador Rubén García, por O César, o Nada (publicación comparada por moitos co programa de radio La Rosa de los Vientos, polo seu traballo de divulgación histórica), así como a Policía Nacional e a Garda Civil, a quen foi parar o Premio Especial 20Blogs polo seu traballo en liña ao servizo do cidadán.
Comprobar a listaxe de candidatos e gañadores dá a entender que estes premios están desnaturalizados, e xa non se dedican realmente aos blogs, senón a un concepto máis amplo de comunicación en liña, destacando a presenza galega entre os galardoados desta edición. Así, o Premio 20Blogs na categoría de actualidade recaeu no xornalista Nacho de la Fuente, por lahuelladigital.es, caderno en liña que xa destacara en 2006 ao ser considerado como o mellor blog en español nos BOBs (Best of the Blogs) organizados pola Deutsche Welle; mentres que na categoría de Tu ciudad o galardón foi parar a Vigopeques, espazo con contidos de distintas temáticas orientados principalmente a familias con cativos.

PUBLICIDADE