Tu Cara Me Suena estrea videoxogos para PS4

luns, 10 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Na liña dos xogos de SingStar sae hoxe á venda Tu Cara Me Suena - El Videojuego, título inspirado no concurso de Antena 3, que pode mercarse tanto en soporte físico como en dixital por só 19,99 euros, e que inclúe 19 das cancións interpretadas no programa e que haberá que cantar para obter os 12 puntos en competición.
O xogo permite competir até a 8 xogadores no modo a dúo, onde cantar os mellores duetos do espectáculo, ou no modo reto para tratar de conseguir a mellor puntuación.
Para cantar poden aproveitarse os diferentes micrófonos USB compatibles coa PlayStation 4 ou aproveitar un smartphone ou unha tableta que grazas a unha aplicación de balde para iOS e Android poden funcionar a xeito de micrófonos sen fíos.
Este xogo forma parte da gama PlayLink, que busca animar ao xogo en familia ou con amigos ao redor da PlayStation 4 e aproveitando dispositivos móbiles para unha interacción máis fluída.

Vídeo promocional do xogo

PUBLICIDADE