Turismo de Galicia licita un programa de formación dixital para o sector turístico

xoves, 8 de xaneiro do 2026 Redacción

Turismo de Galicia publicou na plataforma de contratación da Administración autonómica a licitación dun programa de capacitación en competencias dixitais dirixido a persoas traballadoras ou en activo do sector turístico galego. O contrato conta cun orzamento de preto de 2,5 millóns de euros e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 9 de febreiro.
A través desta iniciativa está prevista a formación de 789 persoas de entre 16 e 65 anos, mediante modalidade en liña a través dunha plataforma dixital específica. O contrato inclúe a xestión integral dos cursos, o seu seguimento e a elaboración dos materiais didácticos, así como a disposición do persoal necesario para garantir o correcto desenvolvemento das accións formativas.
O programa estrutúrase en dous tipos de formación. Por unha banda, impartirase capacitación en competencias dixitais básicas, cun total de 7,5 horas por persoa, abordando contidos como a identificación de perigos e ameazas en liña, a privacidade, a protección básica de datos e contidos ou a prevención de riscos. O obxectivo é facilitar un uso seguro e confiable das ferramentas dixitais no traballo cotián, especialmente nas comunicacións, na procura de información e nas relacións coas administracións públicas.
Por outra banda, ofrecerase formación en competencias dixitais avanzadas, tamén cunha duración de 7,5 horas por participante, orientada a un uso máis complexo das tecnoloxías. Neste bloque inclúense accións relacionadas coa análise dos riscos na rede, o manexo de ferramentas de comunicación audiovisual e de traballo colaborativo, así como o uso de servizos dixitais para a cidadanía e da administración electrónica.
Este programa formativo enmárcase na estratexia de actuación da Xunta de Galicia para o sector turístico ao longo de 2026. No seu conxunto, o Goberno galego prevé destinar máis de 125 millóns de euros este ano a consolidar o crecemento do turismo, impulsando a súa modernización e profesionalización mediante medidas como a formación continuada.