Ubisoft despedirá preto de 380 empregados

mércores, 10 de xuño do 2026 Redacción

Ubisoft anunciou unha nova vaga de despedimentos que podería afectar a uns 380 empregados, no marco dun proceso orientado a simplificar a súa organización, reducir custos e reforzar a compañía a longo prazo.
Nunha comunicación interna dirixida ao persoal, a empresa explicou que estas decisións responden tamén a axustes derivados da revisión recente do seu catálogo de produtos e da actividade dos seus equipos. O texto sinala que «ao longo dos últimos meses, Ubisoft foi evolucionando a súa organización para simplificar a súa forma de operar, reducir a súa base de custos e fortalecer a empresa a longo prazo».
Entre as medidas xa adoptadas figuran o peche dos estudios de Winnipeg e Belgrado, así como a apertura de consultas para unha posible reestruturación do estudio de Barcelona, que pasaría a concentrar a súa actividade en Rainbow Six, suxeita aos procesos de representación dos traballadores.
Tamén se están a producir cambios na organización global de publicación, co obxectivo de adaptar a estrutura dos equipos e a súa distribución, mantendo ao mesmo tempo unha presenza en mercados clave. Segundo a información difundida, estas modificacións implican que ata 380 empregados poderían verse afectados, aínda que as cifras concretas varían segundo os centros.
No estudio de Winnipeg produciríase o despedimento de 65 persoas e o peche completo das instalacións. En Belgrado a redución alcanzaría aproximadamente 100 empregados, tamén con peche do estudio. En Barcelona rexístranse 51 saídas no marco do proceso de consulta. No equipo de Rainbow Six Siege contemplaríase o reaxuste de arredor de 120 postos. No caso de San Francisco, onde opera parte da organización de publicación global, non se detallou o número exacto de afectados.
A dirección local dos distintos equipos está a manter comunicación directa co persoal para informar sobre o proceso, resolver dúbidas e facilitar medidas de apoio durante a transición. Na mensaxe interna insístese en que estas decisións «non reflicten o talento, o compromiso nin as contribucións das persoas afectadas».