A crise de reputación de Samsung por mor dos defectos de fabricación das baterías dos smartphones Galaxy Note7 non parece querer cesar, e pese a que a retirada oficial dos terminais defectuosos estaría a piques de completarse en todo o mundo para que o móbil pasase a venderse con normalidade, continúan os incidentes, e agora sabemos dun voo de Southwest que ía viaxar de Louisville a Baltimore e que onte tivo que ser evacuado despois de que un Samsung Galaxy Note7 comezase a botar fume.
O curioso deste caso é que o terminal tratábase dunha das unidades de substitución supostamente seguras que recibiu propietario recibiu hai un par de semanas (como pode comprobarse na caixa do teléfono, onde hai unha marca para indicar que é unha das unidades seguras). O incidente desencadeouse cando no voo pediron que todos os propietarios dun Note7 apagasen o seu terminal, ao que Brian Green respondeu apagando o seu dispositivo e meténdoo no peto mentres se apagaba e, aos poucos segundos escoitou un ruído, sacou o móbil do peto e veu como botaba fume, reaccionando tirando o smartphone no chan do avión. O terminal provocou unha grande fumareda de cores marrón e gris escura.
Green asegurou que o Note7 estaba aproximadamente ao 80% da súa capacidade durante o incidente, e o terminal só se cargara empregando un cargador sen fíos, o que desbotaría moitas das posibles causas do fallo da batería. Dende Samsung están a analizar o acontecido, pero claramente isto vai prexudicar á imaxe do fabricante surcoreano, que está a perder unha magnífica oportunidade comercial, xa que os seus últimos smartphones estaban moi ben posicionados para competir co iPhone 7, pero a falta de confianza na compañía pode repercutir nas vendas de modelos de grande éxito como o Galaxy S7 e S7 edge, que non están afectados por fallos na batería e, de feito, levan bastante tempo á venda sen ter rexistrado ningún accidente incendiario.
Un Galaxy Note7 provoca a evacuación dun avión nos EE.UU.
Compartir Este Artigo
