Un campamento centrado na saúde dixital axudará ás familias de Poio na conciliación neste Nadal

venres, 12 de decembro do 2025 S. P.

O Concello de Poio pon en marcha este ano un Campamento de Nadal centrado na Saúde Dixital, unha iniciativa totalmente gratuíta para as familias, en colaboración coa Xunta de Galicia. A actividade está destinada a rapaces e rapazas de entre 6 a 17 anos. O programa, ademais de ofrecer unha formación actual e útil sobre o uso seguro da tecnoloxía, “contribuirá a facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares”, informou o Concello.
O campamento desenvolverase na Casa Rosada, de luns a venres entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas (agás os días 24 e 31, así como os festivos), e permitirá aos participantes adentrarse no uso seguro da tecnoloxía.
Neste senso, a actividade contará con dinámicas e obradoiros prácticos dirixidos por profesionais especializados, cun contido adaptado ás distintas franxas de idade. Entre as accións formativas inclúense ciberdefensa, con técnicas básicas para crear un “escudo” persoal na rede; Level Up, para fomentar un uso responsable dos videoxogos e da tecnoloxía na vida diaria; tecnoloxía segura, para aproveitar ao máximo os dispositivos dixitais de xeito eficaz e sen riscos; e competencias dixitais básicas, con ferramentas esenciais para o estudo e o ocio.
Dentro destas accións, incidirán tamén en cuestións prácticas como a identidade dixital e a privacidade, na pisada dixital nas redes sociais, identificar o acoso na rede e saber como actuar ante o bullying, controlar o tempo de uso de dispositivos para controlar a adicción, ideas para xogar en familia, seguridade nas partidas en liña, entre outros.
Estableceranse dous grupos en función das idades dos participantes: de 6 a 11 anos e de 12 a 17 anos. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición a través do correo electrónico xuventude@concellopoio.org.