Un equipo da UVigo traballa nunha plataforma que mostrará o cumprimento dos ODS nos municipios
venres, 6 de febreiro do 2026
Co financiamento do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab desenvolve un proxecto centrado en promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 a escala local. Con ese obxectivo, traballan na creación dunha plataforma dixital aberta que permita un seguimento do grao de implantación destes obxectivos en municipios toda España.
Nesta nesta iniciativa insírese tamén o desenvolvemento dun proxecto piloto na cidade de Pontevedra, que leva á súa vez á creación dun Comité Cidadán polo Clima, que nestas semanas mantén aberta a súa inscrición.
O proxecto Plataforma ODS: Plataforma de ciencia aberta para o impulso local dos ODS foi seleccionado nunha convocatoria para a realización de actividades relacionadas coa promoción e implantación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e financiado con preto de 120.000 euros polo Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030.
Coordinado por Brais Suárez, as integrantes do Post-Growth Innovation Lab Cristina Míguez, Susana Bastón e Cristina Vázquez forman parte do equipo de traballo dun proxecto no que se insire unha “iniciativa pioneira en Galicia”, como é a posta en marcha do Comité Cidadán polo Clima, aberto a calquera persoa maior de idade residente en Pontevedra.
Para o desenvolvemento desta plataforma, explica Míguez, procederase en primeiro termo á “creación de indicadores que midan o cumprimento dos ODS”, para logo ir incorporando á plataforma web datos a escala local. Isto conseguirase coa incorporación a este espazo de “datos procedentes de fontes oficiais” por parte do persoal investigador e cos obtidos a través de proxectos de ciencia cidadá, ao tempo que buscarase que “os propios municipios poidan introducir os seus datos”.
Nesa idea de impulsar iniciativas de ciencia cidadá “que nutran esta plataforma cos datos obtidos” insírese o proxecto piloto, promovido coa colaboración do Concello de Pontevedra, que o Post-Growth Innovation Lab levará a cabo na cidade do Lérez. Esta iniciativa abrangue, por unha banda, o traballo con estudantes de secundaria do municipio no desenvolvemento de “investigacións científicas para axudar a esclarecer como abordar a crise climática a nivel municipal”, nun proxecto de ciencia cidadá cuxos resultados se integrarán na plataforma dixital. Ao mesmo tempo, explican os promotores do proxecto, o obxectivo é que a metodoloxía empregada nesta iniciativa permitan que iniciativas deste tipo poidan “reproducirse noutros lugares e centros educativos”.
Esta proposta conectarase á súa vez co Comité Cidadán polo Clima, un grupo voluntario de persoas que reunirase mensualmente “para debater e presentar as súas suxestións para a elaboración de propostas políticas”.
Trátase, como sinalan desde o Post-Growth Innovation Lab “dunha iniciativa pioneira en Galicia, que procura sentar as bases para unha participación cidadá activa”.
O seu labor no marco deste proxecto piloto centrarase na análise do patrón de consumo de alimentos na cidade, pondo o foco en cuestións como que produtos “se consumen en maior medida, onde se mercan, a frecuencia de compra e outros aspectos que poden aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro, agravando así o cambio climático”. O seu obxectivo é elaborar “con apoio científico, propostas para mitigar os efectos do cambio climático” relacionados co consumo de alimentos.
