Un modelo de eConsulta do IDIS incrementa a capacidade resolutiva non presencial dos profesionais médicos
xoves, 29 de xaneiro do 2026

- Juan José Sánchez, no centro da imaxe
Un innovador modelo de interconsulta electrónica entre Atención Primaria e Cardioloxía demostrou aumentar de xeito significativo a resolución de casos sen necesidade de visitas presenciais ao especialista. O estudo, impulsado polo IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago) e publicado na revista European Heart Journal Open, achega unha validación científica sólida dunha iniciativa organizativa e tecnolóxica claramente innovadora, con impacto en eficiencia, accesibilidade e coordinación asistencial, e con potencial de escalabilidade.
O traballo, liderado polo xefe do grupo de Cardioloxía do IDIS, o doutor José Ramón González Juanatey, foi impulsado de forma conxunta polo investigador do IDIS Alejandro Virgós Lamela e por Juan José Sánchez Castro, xefe de Servizo de Atención Primaria da Estrada.
O estudo, desenvolvido nunha contorna asistencial real, analizou unha cohorte de máis de 1.200 interconsultas. En 354 destes casos, activouse o “camiño avanzado”, que incluíu 300 teleecocardiogramas e 54 monitoraxes EEM. “Estas ferramentas permitiron resolver remotamente 195 casos, evitando derivacións ao hospital e reducindo desprazamentos innecesarios e tempos de espera”, explica o autor principal do estudo, engadindo que “a integración destas tecnoloxías no historial electrónico compartido do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) representa un avance aliñado coa transformación dixital en cardioloxía; e isto non só mellora a eficiencia, senón que reforza a coordinación entre primaria e especializada, mantendo a supervisión do cardiólogo e garantindo a seguridade do paciente”.
Redución das consultas presenciais
Apunta o investigador que “o uso destas ferramentas diagnósticas elevou a taxa de resolución remota do 38 % ao 54,3 %, con elevada concordancia diagnóstica entre niveis asistenciais e sen eventos adversos relevantes durante o seguimento”. Os resultados achegan “unha validación científica sólida dunha iniciativa organizativa e tecnolóxica claramente innovadora, con impacto en eficiencia, accesibilidade e coordinación asistencial, e con potencial de escalabilidade”, indica o doutor Sánchez Castro.
Pola súa banda o doutor González-Juanatey subliña o impacto organizativo: “Este enfoque reduce a carga nos hospitais, mellora a equidade en zonas rurais e contribúe á sustentabilidade ambiental ao minimizar desprazamentos. É un paso cara a unha cardioloxía máis accesible e eficiente”.
Coinciden en afirmar que os achados “apoian a viabilidade operativa do modelo en Atención Primaria e o seu potencial como estratexia eficaz para mellorar o acceso, acurtar os tempos de espera e reducir as derivacións innecesarias, especialmente en contornas con barreiras xeográficas ou alta demanda de servizos”.
