Un novo software traduce o significado dos acenos dos bebés

luns, 23 de outubro do 2006 Raquel Noya

Ó ollarmos para a fotografía que acompaña a este texto, semella complicado, até imposible, adiviñar o sentimento que pretende expresar cada rapaz. É probable que algún chore por fame, outros por sono, outros porque precisan un baño... e así até completar unha longa listaxe de posibles causas polas que os cativos poden chorar, desconcertando ós proxenitores, sobre todo ós novatos no tema, e tamén a todos cantos os rodean. Este abano de acenos que manexan de xeito inconsciente os acabados de nacer é un auténtico xeróglifo até para os pais máis expertos, incapaces de distinguir entre unha dor intensa no neno ou un sinxelo ataque de carraxe e xenio. Mais pode haber algún tipo de solución para este problema. Falamos do novo software de recoñecemento facial coñecido como Clasificación das expresións da dor (COPE), que determina o grao de dor que experimentan os bebés, traducindo o significado de cada aceno; unha tecnoloxía que polo de agora sae só na axuda dos hospitais, deixando ós pais moribundos ante os ataques de nenos choróns.
No caso de ter éxito, este novo software axudaría a determinar se os nenos ingresados nas unidades de coidados intensivos se atopan en perigo ou se non experimentan dores agudas. O sistema é fiable grazas a unha serie de técnicas de recoñecemento facial que examina as características das expresións faciais dos máis cativos, cun 90% de probabilidades de acerto.
Na actualidade, os médicos empregan escalas de dor, que teñen en conta factores como a postura, a presión arterial e a expresión facial, aínda que é un sistema que implica un alto grao de subxectividade.
Malia os avances que se teñen feito até o de agora neste eido, os investigadores afirman que o camiño que queda por percorrer é moi longo, mais o acadado é importante para seguir colleitando éxitos no tocante ó desenvolvemento neurolóxico dos bebés.

PUBLICIDADE