Un videoxogo en liña critica o conflito bélico de EE.UU. en Irán
martes, 12 de maio do 2026
Un grupo anónimo de artistas coñecido como The Secret Handshake vén de lanzar un videoxogo satírico centrado na guerra de Irán impulsada polo presidente estadounidense Donald Trump. O título, Operation Epic Furious: Strait to Hell, pode xogarse en liña e tamén a través de máquinas recreativas instaladas temporalmente en Washington DC, nunha proposta que busca ridiculizar a retórica belicista da Administración republicana.
O proxecto forma parte dunha serie de accións artísticas previas do colectivo, que xa chamara a atención cunha estatua dourada de Trump e Jeffrey Epstein instalada preto do National Mall. Na escultura, ambos aparecían nunha pose inspirada na película Titanic. Desta volta The Secret Handshake instalou tres máquinas recreativas plenamente funcionais no War Memorial de Washington, acompañadas dunha placa explicativa que parodia os vídeos propagandísticos e a estética videolúdica empregada habitualmente nas campañas militares e políticas estadounidenses.
O videoxogo adopta unha estética que lembra aos xogos de rol xaponeses dos anos noventa, especialmente títulos como Chrono Trigger. Trump é o personaxe controlable e debe avanzar acumulando barrís de petróleo e ideas para publicacións en Truth Social coa intención de reabrir o estreito de Ormuz e gañar a guerra. Polo camiño aparecen figuras como Marco Rubio, JD Vance ou Elon Musk, que colaboran co protagonista durante a aventura, contando tamén con outros personaxes relevantes como Putin ou o papa León XIV.
Os inimigos e situacións que aparecen no xogo empregan unha sátira deliberadamente absurda. A mecánica está deseñada para transmitir unha sensación de inutilidade permanente: as accións do xogador e as mensaxes en redes sociais apenas alteran o desenvolvemento da partida, xerando un ciclo interminable de conflitos sen resolución.
A sátira tamén inclúe referencias ao caso Epstein. O xogo comeza na Casa Branca cun diálogo entre Trump e Melania Trump no que ela afirma sen contexto previo: «Nunca estiven no avión de Epstein», antes de preguntar polos supostos arquivos relacionados co magnate falecido. O xogador pode optar por queimar os arquivos ou pedir collerlle a man a Melania. Esta última opción provoca o final inmediato da partida, nun dos múltiples chistes absurdos que estruturan a experiencia.
