Un videoxogo recrea como sería un mundo sen derivados do petróleo

xoves, 29 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Os xogos estanse a converter nun elemento de primeira orde para que organizacións de todo o mundo lancen as súas mensaxes solidarias, ecolóxicas ou pacifistas, sabedoras de que este eido é un terreo común onde reunirse coa mocidade e seren escoitadas, achegando ó mesmo tempo o seu particular contraataque a unha boa parte da industria que insiste en subministrar contidos violentos e sexistas. Nesa liña de contrapartida solidaria é onde se sitúa World Without Oil, un produto que sairá en breve ó mercado e que, como o seu propio nome indica, vai dirixido a facer que os rapaces imaxinen como sería un mundo sen combustibles derivados do petróleo, mundo que por outra parte teñen ó alcance da súa man, por moito que tódalas compañías interesadas en perpetuar o quecemento da terra insistan en desmentilo.
Unicamente hai que querer facelo, nos recorda este novo produto de lecer para computadores ou vídeo consolas.
Detrás da iniciativa está a Corporación para a Difusión Pública de Estados Unidos, amais de entidades como o Instituto para o Futuro (con sede en California), para quen é importante aproveitar a proximidade das novas canles tecnolóxicas da comunicación e do lecer (como os videoxogos) para lanzar mensaxes que contribúan a mellorar o medio natural e a nosa calidade de vida. Trátase polo tanto dun xogo que procura o ben social e que vai encamiñado a crear realidades alternativas (as dun mundo sen gasolina) pero non tanto (non tan alternativas) como para deixemos de pensar que un cambio é posible.

PUBLICIDADE