Unha iniciativa en Facebook deriva nunha macrokedada de ex escolares en Ferrol

mércores, 14 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

A Rede, malia o que se pensa, xa non serve só para reunións dun pequeno grupo de persoas arredor dun gusto, un coñecemento ou unha vivencia común. Paseniño pero sen pausa, as convocatorias xurdidas ao seu abeiro derivan xa en xuntanzas de centos. Para facérmonos unha idea e segundo se nos conta dende o colexio de Ferrol Santa Juana de Lestonnac, unha actividade de mobilización posta en marcha a través de Facebook vén de derivar nunha xuntanza que podería reunir a 350 persoas, todas elas ex alumnas/os do devandito centro educativo e todas usuarias/os de Facebook. A clave do éxito hai que rastrexala no seguinte: nunha casual concorrencia de estudantes do colexio na Internet e máis na capacidade de enleamento comunicativo de Facebook, rede que como saben os seus usuarios semella que non descansa procurando contactos de antano.
A isto hai que engadir o bo traballo do grupo de ex alumnas/os do colexio ferrolán en Facebook, labor que desembocou na dita macrokedada, a celebrar o vindeiro día 15 de maio e coincidindo coa celebración do día de Santa Xoana de Lestonnac.
“A Rede”, comentan os responsables do grupo, “conseguiu reunir despois de case 50 anos de andaina a persoas de idades dispares que comparten unha mesma lembranza de aqueles marabillosos anos, vivindo de xeito moi especial os vínculos de amizade”. A cita, como dixemos, será o vindeiro 15 de maio, a partir das 16.30 horas no centro escolar e coa seguinte programación prevista:
16:30.- Recepción e entrega de identificación.
17:00.- Benvida
17:30.- Celebración Santa Xoana
18:00.- Convivencia ex alumnos - (ex) profesores e visita polas instalacións.
20.00.- Despedida.

PUBLICIDADE