Unha montaxe en Internet de Prodi cantando un rap leva a polémica á política italiana

martes, 3 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Mentres España aínda está a voltas coa comenencia de ter pendurado ou non o polémico vídeo do roubo da cadeira de Zapatero, en Italia semella que tamén teñen a súa ración de caldo mediático. Segundo informa Reuters, o motivo do último rebumbio político e social no país que goberna Romano Prodi nace, tamén, en Internet, que é como todos sabemos a plataforma ideal para desencadear rebumbios.
Todo comezou cando un DJ de nome descoñecido puxo na Rede un vídeo cunha montaxe de diferentes imaxes de Prodi de xeito que semella estar cantando un rap.
O vídeo, que foi divulgado en Youtube (sen o consentimento do presidente, claro, diso se trata) e tamén nas edicións en liña de xornais como La República, está a alporizar sobremaneira ós partidarios políticos de Prodi, xa que cren que degrada ó Goberno e a Italia enteira (coma se fosen a mesma cousa…).
O arquivo foi gravado a semana pasada, durante un polémico discurso do presidente perante o Parlamento xusto antes de que os opositores o forzaran a interrompelo a base de berros.

PUBLICIDADE