Unha tecnoloxía para detectar a traxectoria dos peóns, entre as demostracións de GaliciaTIC

mércores, 23 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O edificio CINC da Cidade da Cultura acolle este 24 de maio a XVI edición de GaliciaTIC baixo o epígrafe Tecnoloxías, capacidades e infraestruturas para a transformación dixital. O foro, unha xuntanza histórica na nosa historia tecnolóxico-informática, vén da man da asociación Ineo e de Inetec. A previsión é xuntar máis de 200 profesionais nunha xornada na que se sucederán relatorios, debates, mesas temáticas, unha competición de enxeñaría e diversas demostracións de produtos tecnolóxicos galegos. Entre as solucións en exhibición figura un innovador sistema que detecta e fai seguimento das traxectorias dos peóns.
Este sistema, como lembraremos, foi desenvolvido pola firma galega Xesol Innovation, empresa mergullada no ámbito da Internet das cousas (IoT) e especialmente orientada ao desenvolvemento de solucións para coche conectado e autónomo. Esta empresa mostrará nun coche o seu sistema de percepción dinámica da contorna que detecta e monitora o percorrido dos peóns. Ademais, exporá un sistema baseado en visión artificial que detecta fatiga, distracción e somnolencia no condutor.
Por outra banda, a axencia de mercadotecnia virtual DaVinci Factory realizará proxeccións holográficas e exemplos de realidade aumentada.
GaliticiaTIC 2018 dará comezo ás 10.00 horas, cunha sesión de inauguración na que participarán Mar Pereira, directora da axencia autonómica AMTEGA, Carlos Abal, presidente de Ineo, e Miguel Merino, profesor titular da Universidade de Vigo e, dende as súas primeiras edicións, principal impulsor deste evento tecnolóxico.
O evento ten varios obxectivos: por unha banda, analizar as tendencias actuais na transformación dixital e as oportunidades de negocio asociadas a elas para as TIC galegas; e doutra banda, sensibilizar ao resto de sectores sobre as vantaxes que carrexan as novas tecnoloxías e os procesos de dixitalización (aforro de custos, mellora de produtividade, redución de tempos, etc.).
Haberá cinco tipos de actividades diferentes: relatorios, clases maxistrais e mesas de debate (onde expertos do eido dixital como Andrés Martínez, desenvolvedor de programas de Google, ofrecerán a súa visión sobre as ferramentas de meirande futuro, botando luz sobre as capacidades e as infraestruturas existentes para impulsar a transformación dixital), mesas temáticas (con sesións que abordarán temas como a transformación do posto de traballo, a información a gran escala -Big Data- para optimizar e personalizar a oferta turística, a dixitalización nos estaleiros 4.0 ou a mellora dos procesos de negocio con traballadores virtuais, entre outras cuestións), competicións de enxeñaría (da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, convocando estudantes e profesionais e incluíndo un reto sobre o desenvolvemento, o proxecto e a planificación dunha Cidade Intelixente para unha poboación mediana de Galicia), demostracións (con showrooms e presentacións en vivo de produtos comercializados por tecnolóxicas galegas) e sesións de networking (con xeiras de traballo en rede entre os asistentes nas pausas do café, do xantar e das zonas comúns de lecer).

PUBLICIDADE