Vaga de reaccións na Rede galega perante o peche da edición en papel de Xornal

mércores, 3 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

Este mércores amencimos cunha nova tristeira para a cultura e a comunicación da nosa terra, sexamos da ideoloxía que sexamos. Falamos do peche da edición en papel de Xornal (este xoves é o último número), unha mala nova que se suma a unha longa listaxe de desaparicións no eido da prensa en galega, proceso que abrangueu a Galicia Hoxe, A Peneira, A Nosa Terra ou a Vieiros, entre outros medios que apostaban pola información na nosa lingua. Como era de agardar tendo en conta as reaccións aos peches precedentes, a nova foi recibida na nosa Rede con fonda preocupación, tanto polo futuro da prensa tradicional diaria como polo que vai acontecer cos traballadores da empresa logo de que se prescinda da edición en papel.
Cómpre sinalar que dende Xornal queren deixar claro que seguirá a súa actividade en formato dixital, “co fin de destinar mellor os recursos técnicos e o seu gran capital humano”, pero as dúbidas mantéñense, posto que é unha realidade que manter unha páxina web requiriría, sobre o papel, de menor cantidade de traballadores.
Entre as voces de meirande preocupación por estes feitos inclúese a do Colexio de Xornalistas de Galicia, que se laia do peche da devandita edición en papel polo que “suporá en perda de postos de traballo e porque restrinxe a pluralidade da información que reciben os galegos".
Dende Chuza!, tamén se están a verter un bo número de voces de preocupación ante o importante baleiro xerado no seo do xornalismo en galego, un panorama que a xuízo dos chuzeiros require canto antes da presenza dun xornal galego en galego, cousa da que –engade alvinzinho– tamén “somos culpáveis” os lectores potenciais de prensa na nosa lingua que, ou non apoiamos de abondo aos medios desaparecidos ou ben adiamos con escusas a posta en marcha dun medio novo. E todo isto sendo compatible co recoñecemento de que conseguir hoxe en día que un xornal en papel sexa de verdade rendible é unha tarefa case imposible.
Nunha liña semellante insírese tamén unha boa parte do noso Blogomillo, onde bulen as mostras de solidariedade co equipo de traballadores de Xornal e de desacougo co porvir do noso eido xornalístico futuro. Sobe estes puntos de vista móvense cadernos como Un vento vén, onde a raíz do peche dos medios que apostan pola nosa lingua fálase xa da “inexistencia de Galicia”, ou como Carta Xeométrica, onde se sinala tristemente cómo a listaxe de canles que informan en galego non para de facerse cada vez máis fina, cada vez máis curta. O panorama é especialmente negativo para Un vento vén, onde unha vez máis retómase o fío da autocrítica: “A día de hoxe segue sen haber un espazo galego de comunicación e apenas hai en Galicia medios de comunicación en galego ou que nin sequera interpreten a realidade en clave do país; os peches de Vieiros, na Rede, e de A Nosa Terra, Galicia Hoxe e Xornal, en papel, son unha mostra das dificultades impostas polo contexto, pero tamén da debilidade, egoísmo e conformismo da tan reclamada sociedade civil galega”.