Valentín García amosa en Estocolmo o Proxecto Nós e outras iniciativas innovadoras pola lingua

venres, 8 de maio do 2026 S. P.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou estes días en Estocolmo en diversas citas convocadas pola Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística, onde deu conta ante os representantes doutros territorios con linguas propias dos proxectos do seu departamento (e por extensión da Consellería de Cultura) para dinamizar o galego, “un traballo realizado ao abeiro do Pacto pola Lingua moi recoñecido e valorado pola rede”, apuntou.
García expuxo ante o Comité de Dirección e na Asemblea Xeral da entidade “as medidas postas en marcha a curto prazo para incentivar o uso do idioma en moi diversos ámbitos”, así como diversas accións máis amplas que implica, entre outras, a actualización do Plan Xeral de Normalización da lingua galega”.
Explicou que “é moi positivo para nós dar a coñecer polo miúdo a nosa proposta para prestixiar a lingua e que poidamos ser un exemplo a seguir para outras comunidades lingüísticas semellantes á nosa en toda Europa”.
Sinalou que “estes encontros”, á parte de para fortalecer os vínculos”, tamén nos serven para enriquecernos e coñecer outro tipo de estratexias, á vez que nos achegamos aos últimos avances, como os proxectos que teñen que ver co eido dixital e a intelixencia artificial”. Unha liña na que, dixo, “Galicia tamén ten moito que dicir”, referíndose a iniciativas como o Proxecto Nós, impulsado pola Secretaría Xeral e a USC e enfocado en que o galego estea presente nas distintas aplicacións e plataformas, poñendo o foco nas ferramentas de intelixencia artificial, cada vez máis presentes nas nosas vidas.
Por outra banda, o secretario xeral da Lingua do Goberno galego tamén asistiu este venres 8 á Conferencia da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística que este ano levou por título 25 anos da Carta Europea en Suecia: logros, lagoas e direccións futuras en Suecia e máis aló. Trátase dun encontro que versa sobre as directrices da Carta Europea das Linguas, a súa aplicación e a súa actualización. Unha folla de ruta que, lembrou, “seguimos como unha das bases para desenvolver o noso Pacto pola Lingua, tendo en conta as súas recomendacións”.
A Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística foi fundada en 2008 integrando institucións académicas, organismos de diversa natureza e gobernos rexionais e nacionais de diferentes países europeos destinada a crear un ámbito no que o multilingüismo, a diversidade lingüística e a aprendizaxe das linguas consideradas minoritarias se promovan activamente en todas as franxas de idade da poboación europea. A Xunta de Galicia está integrada neste proxecto desde a súa fundación e forma parte do comité executivo.
Máis sobre Nós
Nós é un proxecto galego que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe (TL) tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en lingua galega.
O obxectivo central é “promover a presenza dixital do galego, garantindo que a nosa lingua non fique excluída dos novos desenvolvementos TIC, mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade que serán postos, de xeito gratuíto, a disposición de calquera institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore o galego”. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen a lingua galega.