Valentín García felicita o compromiso coa lingua do alumnado participante en 21 días co galego e +

venres, 6 de febreiro do 2026 S. P.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participaron esta mañá no peche da nova edición do programa de inmersión lingüística 21 días co Galego e +. Fixérono no colexio teense dos Tilos, onde se puxo fin á oitava edición desta iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral na que participaron 10 centros educativos de maneira voluntaria.
O obxectivo do proxecto, cuxo blog funciona como principal foco de información e de actividade, é mergullar aos escolares no uso do galego baixo o reto-desafío de facelo durante 21 días.
García quixo felicitar “o alumnado, o profesorado e a todo o persoal que se involucrou unha vez máis cunha iniciativa que pon en valor e fai medrar a nosa lingua entre os máis novos desde a perspectiva dos centros escolares como lugares de socialización”, lembrando que, tras esta clausura, “agárdanos o fin de festa co que será o IV Encontro 21 Días co galego e +, previsto para finais de febreiro no Carballiño”.
Durante o acto, Valentín García fixo fincapé “no gran traballo realizado grazas a esta proposta á que se adhiren os centros que así o desexan, voluntariamente, e que este ano reuniu a máis de 3.700 persoas”, en colaboración coa Consellería de Educación.
Engadiu que as accións levadas a cabo están recollidas nas redes sociais do programa e no devandito blog, o seu soporte central, onde se mostran as creacións de cada colexio.
A iniciativa enmárcase na liña de accións coas que o Goberno autonómico pon o foco na cativada e na xuventude, para impulsar nestas idades o uso, a presenza e o prestixio da lingua, eido no que se encadran tamén as accións Falamos + ou Nós tamén creamos!
Neste curso 2025/26 no programa participaron o colexio Isidro Parga Pardal, de Oleiros; o centro dos Tilos, en Teo, e aínda na provincia coruñesa, o Anxo da Garda, na cidade herculina. Tamén o colexio A Ponte e o Benigno Quiroga Ballesteros, de Lugo. A estes engádenselle en Pontevedra o centro Álvarez Limeses e os colexios Ría de Vigo e Amor de Dios, en Vigo. En Ourense participan o colexio A Ponte e o Irmáns Villar.
O secretario xeral lembrou que 21 días co Galego e + naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola secretaría xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.