Valve di adeus á realidade virtual para Mac

luns, 4 de maio do 2020 Marcus Fernández

Que os ordenadores de Apple non están optimizados para os videoxogos non é ningún segredo, e dende compañías como Oculus aseguraban que darían soporte para Mac en canto Apple lanzase ordenadores potentes dabondo para funcionar coa súa realidade virtual, o que conseguiron hai un par de anos grazas á comercialización de tarxetas gráficas externas, e aínda que finalmente Apple colaborou con SteamVR e HTC Vive para que os seus equipos puidesen gozar da realidade virtual (algo máis demandado polos desenvolvedores que polos usuarios de a pé), a demanda da VR en Mac é tan reducida que levou a Valve a anunciar que rematan o soporte de SteamVR para macOS, de xeito que os usuarios de Mac que queiran continuar a gozar dos xogos da principal plataforma dixital de xogos para VR terán que entrar nunha especie de programa de betas dende o que poder utilizar un software que quedará rapidamente obsoleto e poderá dar problemas en títulos futuros.
A decisión de Valve parece estar máis que xustificada, xa que a presenza de xogadores de macOS en Steam é moi reducida (o 4%) e o número deles que contan cun casco de realidade virtual é totalmente anecdótico, facendo inxustificable o esforzo de manter a compatibilidade de SteamVR con macOS.
Aínda que Apple non dea valor á realidade virtual para ordenadores persoais, si hai evidencias de que non acontece o mesmo no marco da realidade aumentada para dispositivos móbiles, e probablemente a medio prazo presenten un casco de realidade aumentada autónomo ou que empregue un iPhone como cerebro, o que podería ser o detonante para unha explosión dunha tecnoloxía que non para de acumular fracasos (Google Glass, HoloLens e Magic Leap afastáronse do mercado do consumo).