Varios fabricantes de portátiles súmanse ó programa de substitución de baterías defectuosas de Sony
luns, 2 de outubro do 2006
O escándalo provocado por varias series de baterías de portátil de Sony defectuosas, que podían provocar o incendio do ordenador, levou á retirada de milleiros de baterías en todo o mundo, e para tranquilizar a fabricantes e consumidores, Sony comezou a contactar cos fabricantes ós que lles vendeu as baterías perigosas para consultar se lles interesaba a súa substitución, contando xa coa resposta de Toshiba, que nun principio xa avisara da retirada de 340.000 baterías e que finalmente retirará 830.000 baterías de equipos Dynabook, Qosmio, Satellite Portege e Tecra.
Tamén Fujitsu se uniu ó programa de substitución de Sony, aínda que non precisou o número de equipos afectados pola operación e confirman que están a revisar 19 modelos de portátiles que contan coas baterías defectuosas.
Ata hai pouco só se detectaban problemas de recarga en certos modelos de batería, pero nas últimas semanas chegan moitas informacións de explosións e incendios de portátiles que, aínda que non deixen de ser casos moi illados, resultan de enorme preocupación para os consumidores, polo que Sony terá que substituír varios millóns de baterías a nivel mundial.
Dell foi o primeiro fabricante ó que salpicou a polémica dos ordenadores incendiarios, e anunciou que ós 4,1 millóns de baterías devoltas en agosto sumará outras 1000.000 unidades, mentres que Apple xa retirou 1,8 millóns de xeito que se poderían chegar ós 7 millóns de baterías retiradas en todo o mundo, o que suporía un custo para Sony superior ós 250 millóns de dólares, aínda que o dano que se está a producir na súa imaxe pública está aínda sen valorar.