Velneo humaniza o software para residencias xeriátricas con información personalizada

luns, 2 de febreiro do 2026 S. P.

A empresa tecnolóxica Velneo, con sede en Vigo, vén de compartir os seus achados recentes en desenvolvemento de software parar residencias de maiores, un ámbito no que está a despregar recursos de humanización para mellorar non só a actividade das residencias, senón (e sobre todo) a experiencia das persoas. Neste punto, o seu ERP de residencias achega vantaxes como permitir ás familias acceder en tempo real á información sobre as persoas ao seu coidado.
“En Velneo apostamos porque o noso software sexa capaz de transmitir sensacións aos usuarios finais que son, en definitiva, quen debe recoller -e gozar- os beneficios dese software, desta tecnoloxía humanizada”, sinalan dende a firma, engadindo que “xa non nos conformamos con poñer sobre a mesa un ERP que permita integrar facturación, contabilidade ou remesas de recibos, a fin de contas estas capacidades xa levan vinte anos en numerosos programas da industria”.
Sinalan que o que hoxe precisan as residencias xeriátricas, en termos tecnolóxicos, son ferramentas que leven a comunicación cara a máxima proximidade e atención, recursos útiles para familias que agardan, de maneira diaria, información sobre os seus seres queridos.
“Posto que non hai dúas persoas iguais as solucións de Velneo para os xeriátricos monitoran, e comparten en tempo real cos seus fogares de orixe: que comen, que medicacións toman, que constantes vitais teñen e como é a súa evolución diaria”, explican, apuntando que “non se trata de poñer sobre a mesa un compendio de datos dos nosos seres queridos tres veces ao día, información que en ocasións os familiares quizais non poderán procesar, senón que poida haber unha plataforma de comunicación entre centro e familia completamente personalizada, con alertas cando algúns valores -por exceso ou por defecto- saian desa franxa”.
Velneo desenvolve o seu traballo asumindo ata onde pode chegar a tecnolóxica, e ata onde non: “En Velneo, como empresa tecnolóxica, somos plenamente conscientes que a dixitalización dos centros de maiores nunca xamais poderá substituír o contacto humano e cálido dos profesionais. Isto non vai de substituír un algoritmo por unha caricia, unha aperta. Senón que este algoritmo garanta a maior taxa de benestar para o residente, personalizando a vellez en lugar de estandarizala”.
O ERP de residencias de Velneo foi concibido para “solucionar silos de información”, creando unha contorna onde o médico, a enfermeira, a traballadora social e o persoal de mantemento traballan sobre o mesmo dato: desde controlar unha dieta triturada ata xestionar a substitución dunha baixa laboral. Permite ás residencias “recuperar o control operativo e garante unha atención de calidade sen volverte tolo coa administración”, sinala a empresa de Vigo.
Trátase dunha plataforma de comunicación entre o centro e as familias completamente personalizada con alertas cando algúns valores, por exceso ou por defecto, saian desa franxa.